Os demócratas avantaxan en 7 puntos aos republicanos en vésperas das 'midterms'
Este martes celébranse as eleccións de medio mandato nos EUA, onde se renova todo o Congreso e un terzo do Senado
Trump deu o seu último mitin en Kansas e este luns pronunciará un último discurso en Washington antes da cita coas urnas
Donald Trump, durante o mitin pronunciado en Salinas, Kansas (REUTERS/Nathan Howard)
Os EUA encaran o ultimo día de campaña cdas eleccións de medio mandato coas enquisas apuntando a unha posible victoria dos demócratas, que poderían facerse coa maioría en ambas cámaras.
As ultimas sondaxes auguran que o 52 % dos votantes prefiren un lexislativo baixo control demócrata, fronte ao 45 % que opta polo republicano e un 3% de indecisos. Entre o electorado independente, a distancia a favor dos demócratas ascende a 21 puntos.
Os inquéritos reflicten un aumento dos votantes descontentos coa xestión do presidente, Donald Trump. Segundo a cadea NBC News, o índice de desaprobación rolda o 60 %, o nivel máis elevado nos seus dous mandatos.
A economía e o custo de vida permanecen como as principais preocupacións do electorado. Nese sentido, case tres cuartas partes dos enquisados decláranse insatisfeitos co estado da economía e, por primeira vez en tres décadas nesta enquisa, o 51 % móstrase insatisfeito coa súa propia situación financeira privada.
O voto anticipado supera os 51 millóns
Máis de 51 millóns de estadounidenses xa votaron nas eleccións de medio mandato, segundo o rastrexador de votos anticipados do Laboratorio de Eleccións da Universidade de Florida.
Segundo os datos recompilados polo laboratorio, máis da metade destas votacións -28.133.515 papeletas- realizáronse de xeito presencial nos centros habilitados, mentres que o resto corresponde a papeletas enviadas por correo.
Este ano, a votación anticipada parece estar a superar significativamente á votación anticipada durante as últimas eleccións de metade de mandato de 2022, cando un total de 46 millóns de persoas votaron antes do día das eleccións, segundo o rastrexador do Election Lab. EFE
Nas eleccións deste martes, renovarase a Cámara de Representantes por completo e parcialmente o Senado. Ademais, elixiranse varios gobernadores. Os comicios servirán para medir o apoio ao Goberno de Donald Trump, que escolleu Kansas e Iowa para pechar a campaña electoral.