Os EUA e a China protagonizan o seu primeiro achegamento tras a crise comercial
Agárdase que acheguen posturas cara a unha redución das tensións por mor da guerra dos aranceis
Trump recúa: rebaixa os aranceis a Pequín do 145 ao 80 % e pídelle abrir o seu mercado
Ambas as dúas partes manteñen a máxima reserva sobre o formato, lugar e axenda das reunións

Os Estados Unidos e a China protagonizan este sábado o seu primeiro achegamento tras o seu choque comercial que os levou a aumentar os aranceis ata extremos insospeitados. Os EUA aplica o 145 % aos produtos do país oriental, que respondeu cunha suba dos seus ata o 125 %.
Suíza acolle estas conversas nun rol de bos oficios a pedimento de ambas as dúas partes, segundo confirmaron as autoridades.
"Suíza sempre está activa en materia de bos oficios e non só cando hai guerras de sangue, senón tamén neste caso de guerra comercial", comentou o ministro suízo de Economía, Guy Parmelin, que este venres se reuniu, xunto á presidenta de Suíza, Karin Keller-Sutter, coas delegacións estadounidense e chinesa por separado.
Nun comentario metafórico, Keller-Sutter dixo que agardaba que o Espírito Santo que se pousou o xoves pasado na praza de San Pedro de Roma para a elección do papa León XIV baixe esta fin de semana a Xenebra para propiciar un diálogo construtivo entre os enviados de Washington e Pequín.
En Xenebra atópase a sede da Organización Mundial do Comercio (OMC), a entidade na que se elaboraron as regras vixentes do comercio internacional e que as subas xeneralizadas de aranceis do Goberno de Donald Trump poñen en cuestión.
A OMC dixo que a reunión entre chineses e estadounidenses é un paso positivo e construtivo cara a unha redución das tensións e que un diálogo entre as economías máis poderosas do mundo é vital para previr a fragmentación a nivel xeopolítico e salvagardar o crecemento económico global.
Máxima reserva
Ambas as dúas partes mantiveron a máxima reserva sobre o formato, lugar e axenda das reunións que en principio deben durar sábado e domingo, conforme lle comunicaron ao Goberno suízo, que facilitou a organización e a loxística.
Con todo, fontes próximas aos preparativos sinalaron que a duración dependerá do ambiente das primeiras horas e da impresión que formen ambas as dúas delegacións sobre se é posible avanzar en elementos concretos que achanden o camiño para próximos encontros.
A delegación estadounidense está encabezada polo secretario do Tesouro Scott Bessent e o representante de Comercio, Jamieson Greer. Pola China, o xefe de delegación é o viceprimeiro ministro Hei Linfeng.