Trump di que o Exército dos EUA afundiu outro barco de narcotraficantes no Caribe
Segundo publica nas redes sociais, tres tripulantes morreron no ataque
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, informou este venres dun novo ataque cinético "letal" contra un "barco afiliado a unha organización terrorista" en augas do Caribe no que morreron tres presuntos narcotraficantes.
"Baixo as miñas ordes, o secretario de Guerra ordenou un ataque cinético letal contra un buque (...) na área de responsabilidade do comando sur dos Estados Unidos", publicou o mandatario na súa conta de Truth Social.
Segundo Trump, "a intelixencia" confirmou que a embarcación traficaba con narcóticos ilícitos por unha ruta coñecida co obxectivo de chegar aos Estados unidos.
Con esta, Washington suma catro embarcacións deste tipo afundidas no Caribe sur, na contorna das costas venezolanas desde agosto, cando incrementou a presenza militar en augas internacionais xustificando a necesidade de "combater o narcotráfico".
Desta volta, non aclarou a orixe da lancha nin a nacionalidade da tripulación pero, igual ca nos casos anteriores, anunciou a destrución do buque nun vídeo sen audio.
Aumenta a tensión
A despregadura estadounidense na zona incrementou as tensións con Venezuela, que prosegue coas súas manobras militares ao considerar que se trata dunha "ameaza".
O presidente do país, Nicolás Maduro, amósase convencido de que se trata dun plan para impoñer na súa nación un "Goberno monicreque" que satisfaga os intereses da Casa Branca.
Con todo, Trump negou este xoves manter conversas con membros do seu Goberno para planear un "cambio de réxime" en Caracas.