Portugal recoñecerá o Estado de Palestina este domingo
O anuncio chega antes da Conferencia de Alto Nivel sobre Palestina na ONU
Francia prepara unha declaración conxunta coa que varios países oficializarán o recoñecemento, entre eles Reino Unido, Australia, Canadá, Bélxica, Luxemburgo, Malta e Andorra

O Goberno de Portugal, encabezado polo primeiro ministro conservador Luís Montenegro, anunciou que recoñecerá oficialmente o Estado de Palestina o vindeiro domingo, 21 de setembro.
O Ministerio de Exteriores confirmou a decisión nun comunicado no que salientou que a Declaración Oficial de Recoñecemento terá lugar un día antes da Conferencia de Alto Nivel sobre Palestina que se celebrará na ONU.
A finais de xullo, o ministro de Exteriores, Paulo Rangel, explicara que o Executivo iniciaría consultas co presidente Marcelo Rebelo de Sousa e cos partidos políticos para avaliar o recoñecemento, co obxectivo de concluír o proceso coincidindo coa Asemblea da ONU.
Esta semana, o propio ministro asegurou en Londres que non atopara ningún impedimento que puidese frear o recoñecemento.
Sumaranse máis países en Nova York
Portugal non será o único país en dar este paso. O presidente francés, Emmanuel Macron, prepara unha declaración durante a Asemblea Xeral da ONU coa que formalizará o recoñecemento e á que se sumarán outros estados.
Entre eles agárdanse Reino Unido, Australia, Canadá, Bélxica, Luxemburgo, Malta e Andorra.