Paquistán confirma o alto ao fogo inmediato coa India tras unha violenta escalada
A India admitira danos "limitados" tras os ataques paquistanís das últimas horas contra varias bases aéreas
Paquistán anunciara a destrución de bases, almacéns de mísiles e sistemas na fronteira de facto na Caxemira

O ministro de Asuntos Exteriores de Paquistán, Ishaq Dar, confirmou este sábado que o seu país e a India "acordaron un cesamento do fogo con efecto inmediato", tras unha intensa escalada con ataques e contraataque aéreos e terrestres por forzas de ambas as partes.
"Paquistán e a India acordaron un cesamento do fogo con efecto inmediato. Paquistán sempre loitou pola paz e a seguridade na rexión, sen comprometer a súa soberanía nin a súa integridade territorial", dixo Dar nunha mensaxe publicada no seu perfil de X.
Minutos antes, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciara o cesamento do fogo entre as dúas potencias nucleares que viviron nas últimas semanas a maior escalada desde o século pasado, con 98 mortos confirmados entre ambos os dous países.
Ataques na fronteira
A India admitira este sábado que sufrira danos "limitados" tras os ataques paquistanís das últimas horas contra varias das súas bases aéreas na fronteira común.
"A India neutralizou con éxito a maioría destas ameazas. Con todo, producíronse danos limitados ao equipo e ao persoal nas estacións da Forza Aérea India en Udhampur, Pathankot , Adampur e Bhuj", dixo nunha conferencia de prensa a comandante do Exército indio Vyomika Singh.
Acusou o Exército paquistaní de atacar instalacións civís dentro das bases, como un centro médico ou un colexio e tachou de desinformación algúns dos logros que se atribuíu o Exército paquistaní, como a destrución dun almacén de mísiles BrahMos na rexión india de Punjab.
A comandante negou estes danos e amosou varias imaxes, supostamente tomadas na mañá deste sábado, sobre o estado actual das supostas bases, depósitos e sistemas sinalados por Paquistán.

Resposta ás agresións
En resposta ás agresións, asegurou que o seu país "levou a cabo ataques de precisión unicamente contra obxectivos militares identificados, incluíndo infraestrutura técnica, centros de mando e control, sitios de radar e áreas de almacenamento de armamento".
A ofensiva centrouse en Rafiqui, Murid, Chaklala, Rahim Yar Khan, Sukkur e Chunia e, segundo Singh, as Forzas Armadas indias aseguráronse de inflixir "os mínimos danos colaterais".
Ademais, dixo que o intercambio de disparos e artillería mantívose ao longo da liña de control, a fronteira de facto na Caxemira administrada pola India, indicando que as tropas do país lle causaron "danos extensos" ao Exército paquistaní.