Tanto PP como PSOE piden unha comisión de investigación no Congreso sobre a apagada
Pedro Sánchez comparece este mércores na Cámara Baixa e a ministra para a Transición Ecolóxica; Sara Aagesen, o mércores da semana que vén
A proposta de Red Eléctrica sobre renovables revisaba a protección fronte a curtocircuítos
A semana que vén, a minista para a Transición Ecolóxica informará o Congreso das novidades sobre a apagada. Escoitaremos antes as explicacións de Pedro Sánchez, que xa tiña previsto comparecer este mércores para falar do incremento do gasto militar ao 2 % este ano.
Podemos vincula os dous asuntos. Pídelle ao presidente que cree unha empresa pública de electricidade con eses cartos.
"Agora que o Goberno atopou, parece que debaixo dunhas pedras, unhas partidas que sobraban, 10.500 millóns de euros para o rearme e a guerra, cremos que xa non é tan imposible", aseguraba en conferencia de prensa o seu voceiro no Congreso, Javier Sánchez Serna.
Tamén o socio de Goberno, Sumar, lle vai pedir que Red Eléctrica volva ser cen por cento pública.
O PSOE, pola súa banda, quere que se cree unha comisión de investigación no Congreso para aclarar as causas exactas da apagada.
"Para que non volva suceder, e veremos, despois se desa investigación, se hai ou non responsabilidades políticas, responsabilidades públicas ou responsabilidades privadas", en palabras do seu voceiro, Patxi López.
O PP tamén solicita unha investigación nas Cortes, e, a maiores, unha auditoría internacional independente que, segundo Alberto Núñez Feijóo, "permitirá depurar responsabilidades e garantir que non volva repetirse". O líder dos populares aféalle ao Goberno que "insiste en que non volverá repetirse ao tempo que tamén insiste en que non sabe que pasou".