O PP ábrese a negociar facer a Rosón alcaldesa de Santiago pero os non adscritos rexéitano
Os populares din estar dispostos a darlle a alcaldía aos expulsados do PSOE a través dunha moción de censura
Os non adscritos desmárcanse e din que "xamais" asinarían unha moción de censura co PP

O PP manifestou este xoves estar aberto a negociar en Santiago unha moción de censura cos catro edís non adscritos expulsados do PSOE para promover "un goberno de emerxencia" na capital galega e arrebatar o bastón de mando á nacionalista Goretti Sanmartín. Mesmo coa opción de que a alcaldesa sexa Mercedes Rosón.
Ratificábano, en declaracións aos medios, o presidente provincial do PP e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e tamén, nunha entrevista con Radio Voz, recollida por Europa Press, o propio portavoz municipal, Borja Verea, que afirmou que a súa "única preocupación" é a capital galega e non "a cadeira" da alcaldía.
Porén os non adscritos non están dispostos a ir da man dos populares e aclararon que "xamais" asinarían unha moción de censura co PP.
A propia Mercedes Rosón escribiu na rede social X que “xamais, xamais, xamais” pactará co PP.
O que fora voceiro do PSOE compostelán e agora é representante dos concelleiros non adscritos, Gonzalo Muíños, subliñou que “non vai haber moción de censura” e rexeita entrar nese debate.
En declaracións remitidas aos medios, Muíños explicou que coas súas palabras o único que quixo reivindicar é o liderado da súa compañeira Mercedes Rosón, que cre que sería unha boa próxima rexedora da capital galega.
“Que quero que Mercedes Rosón sexa a alcaldesa de Santiago? Si. Que creo que ao noso concello iría moito mellor se así fose?. Tamén”, incidiu.
Con todo, non para conseguir ese obxectivo van negociar co PP, porque “nós temos palabra” de forma que respectarán “ata as últimas consecuencias” o programa de esquerdas co que concorreron aos comicios municipais de 2023.
Neste sentido, Muíños lembrou que respectarán a decisión da cidadanía nos comicios, que elixiu “un goberno de esquerdas e progresistas”.
Antes de coñecer a reacción dos non adscritos os populares insistían en que é "prioritario" poñer en marcha "un goberno de emerxencia con 15 concelleiros", aínda que estipulan un decálogo de condicións, cuxo primeiro e segundo punto son, respectivamente, o derrubamento da Casa da Xuventude; e eliminar os asesores e cargos creados polo BNG e Compostela Aberta (CA), e destinar eses fondos a programación cultural.
O decálogo popular tamén inclúe o reforzo inmediato do servizo de limpeza, poñer en marcha un contrato da auga que "xeraría 100 millóns para os santiagueses", a auditoría do servizo de autobuses, así como a axilización administrativa e urbanística, a rede pública de cociñas escolares, e construír "vivenda cen por cento pública e paralizar a venda de solo público".
Finalmente, os populares apostan por parques infantís cubertos e o reforzo do persoal da Policía Local e medidas de seguridade.