O túnel do Hórreo pechou durante a noite por terceira vez nesta semana
A Policía Local renuncia a facer máis horas extraordinarias pola falla de persoal tras as últimas xubilacións
Os axentes, xunto cos bombeiros, negocian co concello de Santiago melloras salariais e un incremento de efectivos
O Concello de Santiago decidiu pechar de novo esta noite o túnel do Hórreo por falta de efectivos da Policía Local na quenda nocturna.
O paso quedou inhabilitado entre as 22:15 do venres e as 7:15 horas do sábado, por terceira vez nesta semana.
A decisión enmárcase dentro do conflito laboral entre o Goberno municipal, os axentes e os bombeiros da cidade, que renuncian a facer horas extraordinarias de xeito voluntario.
Reclaman o pago dos atrasos destas gratificacións, cada vez máis abundantes pola falla de efectivos tras a xubilación dun importante número de persoas; unha suba do 20 % sobre as contías actuais e unha avaliación dos postos de traballo.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, negocia cos sindicatos unha saída a esta situación.