Tres persoas foron trasladadas por inhalación de fume no incendio dun piso na Coruña
O lume prendeu nun colchón e calcinou o cuarto por completo
O incendio obrigou a desaloxar unha ducia de veciños que non poden volver ao edificio ata unha inspección técnica do seu estado
O incendio comezou pasadas as sete da mañá. Un particular avisou a Emerxencias e explicou que escoitaba pedir axuda e vía lume nun primeiro piso da Rolda de Outeiro, no número 137, na Coruña.
Inmediatamente foron mobilizados os bombeiros que ao chegar constataron que un cuarto estaba calcinado por completo. Segundo as primeiras investigacións o incendio comezou nun colchón e o fume propagouse polos corredores e pola escaleira do edificio.
Tres persoas tiveron que ser evacuadas en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña por inhalación de fume.
Todos os veciños foron desaloxados e o edificio quedou clausurado á espera dunha inspección técnica que avalíe os danos. Os servizos sociais atenden unha ducia de persoas para buscarlles unha solución habitacional mentres non poden volver ás súas casas.
No operativo tamén participaron axentes da Policía Nacional e Local.