Ana Pontón: "Non podemos celebrar unha Constitución que nos nega"
A líder do BNG insiste na reivindicación de Castelao como primeiro presidente de Galicia
Tamén lle esixiu a Alfonso Rueda que garanta a protección ás vítimas de violencia machista
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este 6 de decembro que non se pode celebrar a Constitución porque "nega" e "limita" os dereitos e aspiracións da poboación galega, e consolida unha institución "tan anacrónica e tan antidemocrática, e corrupta tamén, como a monarquía".
"Non podemos celebrar unha Constitución que nos nega, que limita os nosos dereitos e aspiracións, na que non collen os nosos soños e que pon trabas ao desenvolvemento e o benestar".
Por iso, pediu que se recoñeza Galicia "como unha nación que ten dereito a un autogoberno real", con capacidade de decisión para xestionar os seus recursos e en ámbitos clave para o desenvolvemento económico, social e cultural "sen interferencias centralistas".
Ese novo status debe incorporar un concerto económico, para que "a chave do noso diñeiro non estea en Madrid senón na man dos galegos e galegas", concluíu.
A líder nacionalista fixo estas declaracións durante o acto organizado polo seu partido no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres en homenaxe a Alfonso Rodríguez Castelao.
Tras salientar as iniciativas "de calado" que levou a cabo, como a alianza Galeuzca ou a creación do Consello de Galicia, insistiu na reivindicación do dirixente galeguista como primeiro presidente de Galicia, "por moito que o PP o negue e o desprece".
Protección das vítimas de violencia machista
Ademais, esixiulle ao presidente da Xunta que saque as mulleres da súa "lameira política de crispación e confrontación" e que garanta ás vítimas de violencia machista a protección que necesitan.
A líder nacionalista acusou a Alfonso Rueda de utilizar as mulleres "na súa política de confrontación cutre e partidista co Goberno do Estado".
Pontón fixo esta demanda despois de que o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, dixera que se o Goberno central non aumenta os efectivos da unidade adscrita da policía autonómica non lle será posible garantir a protección ás vítimas de violencia machista.
"Que deixe ás galegas fóra da súa estratexia partidista e que garanta que todas as mulleres que sofren a violencia machista terán a protección que necesitan", insistiu.