O porteiro montenegrino Haris Suljevic, primeira fichaxe do Frigoríficos
Suljevic, de 24 anos, firma por unha campaña con opción a outra

O porteiro internacional montenegrino Haris Suljevic converteuse este venres na primeira fichaxe do Frigoríficos do Morrazo para a tempada 2025-26. O elixido para substituír a Luka Krivokapic, quen xogará o próximo curso no Granollers, procede do HRK Izvidač, co que se proclamou campión de Bosnia e disputou as semifinais da EHF European Cup ante o AEK de Atenas.
“Haris era unha oportunidade inmellorable para reforzar unha das posicións máis determinantes como é a portería”, sinalou o director deportivo do Frigoríficos do Morrazo, Óscar Fernández.
Tamén revelou que levaban “meses” seguindo o balcánico tras a recomendación de Mile Mijuskovic, actual adestrador de porteiros da selección montenegrina.
Suljevic, de 24 anos, firma por unha campaña con opción a outra coa entidade presidida por Alberto González.