O lateral húngaro Marcell Ludman, quinto reforzo do Frigoríficos
O novo xogador do Cangas ten 22 anos, procede do Neka e foi subcampión do mundo júnior hai dous anos

O lateral húngaro Marcell Csaba Ludman converteuse na quinta incorporación do Frigoríficos do Morrazo para o seu novo proxecto, que estará dirixido desde os bancos por Quique Domínguez. O club cangués fixo oficial a chegada deste xogador de 22 anos de idade (naceu o 29 de novembro de 2002) e 2,02 metros de estatura, que logrou un quinto posto coas súas seleccións no Europeo Sub-20 de 2022 e o subcampionato do Mundial Sub-21 disputado en 2023 en Alemaña e Grecia.
Neste último torneo anotou 8 goles compartindo vestiario cunha das mellores xeracións do balonmán magiar dos últimos tempos, con nomes como os de Fazekas (Wisla Plock), Lukacs (Elverum), Imre (Kiel), Ilic (Hamburgo) ou Pergel (Logroño). O xa novo xogador do Cangas asina por dúas tempadas e destaca polo seu impoñente físico, que o converte tanto nunha ameaza no lanzamento exterior como nun poderoso activo no centro da defensa, posición que era necesario reforzar tras as saídas de Fodorean ou Sherif.
“Esta fichaxe é unha aposta clara pola filosofía do club, talento novo con proxección e con capacidade de sumar desde o primeiro momento. Vén para achegar tanto en defensa como en ataque, algo fundamental nesta nova etapa”, sinala o director deportivo do Frigoríficos, Óscar Fernández.
Ludman procede do Neka Handball Academy do seu país natal.