Chapela, un líder intratable en Galicia que busca o ascenso á ACT
O equipo de traiñeiras redondelán gañou as seis primeiras regatas disputadas na LGT e marcha imparable cara ao play off
Na Liga Galega de Traiñeiras temos unha tripulación que ata o momento arrasa: Chapela Wofco. 6 regatas e 6 vitorias. O equipo que adestra Juan Zunzunegui é un proxecto moi ambicioso. Ten en mente o ascenso á ACT. Polo momento, en Galicia é un líder intratable. O primeiro mes de competición foi perfecto.
Visitamos un dos remeiros da traiñeira de Chapela na súa oficina en Moaña. De Moaña son o segundo e o terceiro clasificado da liga. Ven ata o momento inalcanzable o liderado de Chapela. Pese ao éxito na Liga Galega, o gran desafío é o ascenso. As regatas terán condicións e rivais diferentes e o acadado perde relevancia. A pelexa polo ascenso queda lonxe, polo de agora céntranse en ser por primeira vez campións da liga galega.