Ares colle vantaxe e Cabo sae do descenso na fin de semana ACT
Ares brillou o sábado na baía da Concha nun mal día de Cabo
O domingo non puido repetir a actuación, pero os de Boiro saíron da última praza
A fin de semana de regatas na Liga ACT deixou resultados desiguais para as embarcacións galegas. O sábado, na baía da Concha, Ares confirmou o seu bo momento. Saíron na segunda quenda e remataron no sétimo posto. Ascendían momentaneamente á sexta praza da clasificación xeral da liga no seu regreso á elite.
Pechaba a clasificación Cabo da Cruz malia rematar o sábado no décimo posto da regata, por diante de Ondarroa e Kaiku.
A proba deixou o triunfo claro da traiñeira da casa, da Donostiarra, que superou en 25 segundos a Bermeo - Urdaibai e en 33 a Orio, que gañara as dúas primeiras bandeiras e que segue de líder con 34 puntos.
Xa o domingo, a cuarta xornada da Liga ACT de traiñeiras, a Bandeira Petronor, deixou malos resultados para as embarcacións galegas.
Intentaba animar o patrón de Ares os seus compañeiros porque a Santa Olalla de Lubre non atopou o ritmo nas augas de Ziérbena. Remataron últimos na súa quenda e no décimo posto na xeral, por diante de Cabo da Cruz. Os de Boiro foron penúltimos, suficiente para cederlle o posto de pechacancelas da liga a Kaiku. Remataron desfeitos polo esforzo.
A Bandeira gañouna Orio. Logo de terceiro posto do sábado, esta mañá recuperaron o nivel das primeiras regatas e superaron en 15 segundos a segunda, Ziérbena, tamén segunda na clasificación xeral.