Claudio xa ten á súa disposición o extremo diferencial que quería
Bryan Zaragoza aterra en Vigo despois dunhas duras negociacións co Bayern
Chega cedido e con opción de compra obrigatoria no caso de cumprir unha serie de variables
Bryan Zaragoza xa é, oficialmente, xogador do Real Club Celta para a vindeira temporada. A fichaxe máis ilusionante e a primeira opción de Claudio para o seu xogo de vertixe pola banda. Un extremo diferencial no campionato que chega procedente do Bayern de Múnic e que demostrou no Granada e no Osasuna o seu alto nivel.
Giráldez ten ás súas ordes unha das dúas incorporacións que solicitou para a zona de ataque. O xogador e o Celta fixeron moita forza para chegaren a un acordo que terá opción de compra obrigatoria para a vindeira campaña dependendo da porcentaxe de minutos que xogue e da posición final do club na Primeira División.
Agora toca culminar a dianteira coa outra peza, outra petición moi clara. Borja Iglesias será o vindeiro obxectivo da secretaria técnica do cadro vigués.