Acoitela un compañeiro da vivenda na que vivían de alugueiro en Pontevedra
O agresor inicialmente fuxiu dos supostos ataques do resto de inquilinos pero cando volveu á casa feriu a un deles
A veciñanza quéixase da conflitividade nunha casa na que "non sempre viven os mesmos"
Vítima e agresor comparten a planta superior da vivenda, só por casualidades do destino. A versión oficial di que son obreiros.
"Un obreiro non se pode permitir estar na casa todo o día. Na semana, veñen coches cargados con xente, ás veces hai quince persoas. Veñen un día cunha mochila, mañá chegan outros e de alí a uns días xa cambian", explica unha veciña.
Desta volta, eran alomenos cinco persoas, catro contra un. Ese un é un home guineano, que leva tempo xa nesa casa. Nunca dera problemas. Os outros acaban de chegar.
Non se sabe á conta de que empezaron a escoitarse berros e golpes, máis fortes do habitual, e o guineano saltou dende o primeiro piso en busca de refuxio, pero os outros non se detiveron. Dende as ventás, lanzáronlles paus e pedras.
"Nós espertamos cos berros ás dúas da mañá e saímos. Romperon os cristais da ventá pero todo entre eles. Con nós non se meteron", engade.
Alguén chamou a policía, que calmou os ánimos. Alomenos en aparencia, porque, en canto marcharon, chegou o peor. Os inquilinos arremeteron outra vez contra o home guineano e el supostamente defendeuse co primeiro que colleu á man.
"Un seica lle dou ao outro unha coitelada e o mozo berraba de dor", segue a muller.
Coxeando, fuxiu aldea abaixo ata onde lle deron as forzas. O salto dende a ventá pasoulle factura.
"Non sei como puido chegar dende alá ata aquí. Veu correndo e meteuse na casa do lado. A muller sentiu "un batifondo" e na parte de baixo tiña un coche vello e meteuse no coche e xa chegou a policía detrás del", conta outra muller.
"Sobre as dúas e media da mañá, escoitamos ruídos fóra e levantouse miña nai e eu xa vin o cuarto alumeado en azul polas luces da policía e cando saímos escoitamos berrar á policía porque o rapaz metérase no noso coche. Baixaba cun pé rompido", coincide o mozo da casa.
Levaba o coitelo enriba e non opuxo resistencia.
"Tiña o coitelo pero pedíronnos unha bolsa para gardar as cousas e nada máis", segue o mozo.
Esta última lea é un paso máis nos múltiples problemas de convivencia que teñen en vilo os veciños.
"Chamamos ao dono da casa para dicirlle que esto é insoportable", quéixase a muller que vive a carón da casa alugada.
Hoxe na casa non se percibían sinais de vida.