As pelexas entre os inquilinos dun piso en Lalín causan malestar na veciñanza
A última disputa entre as persoas que viven no inmoble acabou con mobles e electrodomésticos saíndo pola ventá
Son ás dez da mañá e a rúa avenida de Bos Aires de Lalín está tranquila, pero os os veciños contan que a calma aquí dura pouco. Din que os problemas de convivencia cos inquilinos do segundo piso deste inmoble van a máis. Na última pelexa os mobles saíron pola ventá e acabaron na rúa.
"O outro día, ata un deles tirouse pola ventá". "Todas as fins de semana é igual, tiran colchóns, tiran mobles á rúa. É imposible pasar por esa rúa", din dúas veciñas que viven no edificio do lado.
A vivenda está alugada cun contrato legal para catro persoas pero a veciñanza asegura que alí vive moita máis xente.
"Deben ser catorce ou quince ". "Son varias familias e con nenos moi pequenos que os vemos pola rúa sós", din dúas mulleres.
Nesta situación os habituais da zona mesmo deixaron de estacionar o coche na rúa.
"Eu cando saio de traballar non deixo aí o coche. Que nunca pasou nada?, non, pero méteste un día e hai unha pelexa entre eles e que?, di unha veciña.
Desde esta porta de entrada, tamén hai acceso a unha clínica que está pechada.
"Xa viven en todo o edificio, na que era a clínica Rosaleda tamén", di unha das mulleres.
"O Concello, nada; a Policía, nada; e ao propietario díxoselle que tiña que tomar medidas...", engade unha veciña.
A Garda Civil non recibiu ningunha denuncia, polo momento.