Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cae unha rede de ciberdelincuentes que roubaba as vítimas duplicando as tarxetas dos seus teléfonos

Cae unha rede de ciberdelincuentes que roubaba as vítimas duplicando as tarxetas dos seus teléfonos

Hai cinco vítimas en Pontevedra

Hai sete detidos en diferentes provincias de España 

G24.gal 25/11/2026 13:49

A organización de ciberdelincuentes desarticulada pola Garda Civil suplantaba a identidade das vítimas e duplicaba as súas tarxetas telefónicas para tomar o control das súas contas bancarias. Así o explica o Sarxento Diego Alonso do Equipo Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra.

"Chamaban á operadora de telefonía e simulaban ser o titular da liña que quería realizar a portabilidade. Deste xeito o usuario perdía a conexión. Facíano chamando por teléfono á compañía e achegando os datos das vítimas que previamente adquiriran en filtracións ou en falsas ofertas de traballo".

Os estafadores recollían as novas tarxetas nas tendas de telefonía e accedían á banca electrónica para realizar transferencias ou compras. O prexuízo económico supera os 300.000 euros.

"En canto recollían a tarxeta SIM directamente a introducían no teléfono, recibían os códigos que precisaban para entrar na banca electrónica e comezaban de inmediato coas compras: produtos electrónicos, ouro, xoias e lotería. Ademais utilizaban a terceiras persoas baixo falsas ofertas de traballo para recoller paquetes nas tendas nas que realizaban os pedidos fraudulentos", tal e como explica o sarxento Diego Alonso do  Equipo Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra.

As forzas de seguridade lémbralle á cidadanía a importancia de extremar as precaucións para non caer nestes enganos. Aconsellan non fiarse das ofertas de traballo, non achegar a terceiras pesoas datos que poden ser empregados para realizar portabilidades falsas ou activar o dobre factor de protección nas aplicacións que sexa posible.

Os sete detidos están a ser investigados por delitos de estafa informática, revelación de segredos, usurpación de estado civil, pertenza a grupo criminal e branqueo de cartos. Entre as vítimas hai cinco de Pontevedra. A operación, liderada polo o equipo de investigación tecnolóxica de Baleares, co apoio do de Pontevedra, está aberta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade