Samu Pereiro, sétimo reforzo do Frigoríficos
Pereiro chega ao Gatañal avalado polo técnico Quique Domínguez, quen o dirixiu esta última tempada no Anaitasuna
O lateral esquerdo Samu Pereiro converteuse este mércores na sétima fichaxe do Frigorífico do Morrazo, ao que chega procedente do Helvetia Anaitasuna e co que asina por dúas tempadas.
“É un xogador que nos vai achegar moito en diferentes facetas do xogo, tanto en ataque como en defensa. Cremos firmemente en seguir incorporando xogadores galegos de calidade para seguir crecendo, e Samu encaixa perfectamente na nosa filosofía”, destacou o director deportivo do Frigoríficos, Óscar Fernández.
Pereiro chega ao Gatañal avalado polo técnico Quique Domínguez, quen o dirixiu esta última tempada no conxunto navarro. Anteriormente, o xogador defendeu as camisetas do BM Porriño, Teucro e Eivisa.
“É un loitador nato, que vai encaixar moi ben co que a nosa afección demanda: compromiso e non dar nunca unha batalla por perdida”, apuntou Óscar Fernández.
O ex-xogador do Anaitasuna é a sétima incorporación do Frigoríficos para a tempada 2025-26 tras o porteiro montenegrino Suljevic (Izvidac), os pivotes Javi García (Logroño) e Pablo Castro (Anaitasuna), o extremo dereito D’Antino (Atlético Valladolid) e os laterais Rivero (Logroño), Ludman (Neka).