O Pontevedra acaba goleado no campo de Riazor (3-0)
Os goles de Kevin, Fabi Urzain e Teijo provocan a primeira derrota ligueira do cadro pontevedrés nos últimos catro meses
O Fabril impúxose no derbi diante do Pontevedra cun resultado contundente (3-0), algo que poucos agardaban vendo a traxectoria ligueira dun equipo pontevedrés que non perdía desde a sexta xornada do campionato.
O gol de Kevin Sánchez -golazo- antes do minuto cinco marcou moito o partido. O Fabril atopouse cómodo co repregue e saíndo á contra e ao Pontevedra, sen Dalisson, custoulle moito xerar ocasións.
Cando máis acosaba o equipo de Yago Iglesias no segundo tempo chegou o segundo tanto fabrilista, unha acción á contra de Fabi Urzain. Era o minuto 67 e o Pontevedra botouse arriba con todo pero non acertou a marcar nas ocasións das que dispuxo. No noventa sentenciou Quique Teijo, que volvía a xogar despois de máis de tres meses ausente por lesión.