O Pontevedra prolonga a súa boa xeira cun empate in extremis en Mérida (1-1)
Alex Comparada anotou o tanto granate no minuto 93
Beneit adiantou aos estremeños e Juan Artola errou un penalti co 1-0 no marcador
@PontevedraCFSAD
O Pontevedra sumou a súa oitava xornada consecutiva sen perder tras empatar a un tanto no estadio Hose Fouto grazas a un gol de Compa no tempo de prolongación. Tras un inicio igualado o equipo emeritense foise facendo co dominio do partido. E froito da súa presión alta, un erro na saída de balón de Miguel Cuesta foi aproveitado por Raúl Beneit para superar a Marqueta no man a man. O gol deixou tocado o equipo granate que puido aguantar as acometidas do conxunto estremeño para chegar o descanso perdendo pola mínima.
Na segunda metade melloraron as prestacións do equipo de Rubén Domínguez pero as mellores ocasións foron para un ex granate. O agora emeritense Chiqui . Primeiro rematou demasiado cruzado un centro de Artola e logo topouse con Miki Bosch sobre a liña de gol para despexar un remate que xa superara o meta pontevedrés. Outra vez estaba tocado o Pontevedra CF que aínda por riba era castigado con un rigoroso penalti por unha entrada de Bosch sobre Artola. O dianteiro vasco non atinou e errou o máximo castigo o que deixaba con vida ó equipo galego con vinte minutos por diante. Pouco despois quedaba con dez o equipo local tras a expulsión de Gaizka Martínez. Era o momento dos do Lérez. E non o desaproveitaron. Unha incursión de Luisao pola dereita foi aproveitada por Alex Compa para bater a Csenterics e igualar o partido xa co tempo cumprido.