O Rácing derrota con comodidade o Cacereño (3-1) e segue na carreira polo ascenso
Jairo adiantou axiña os ferroláns, e Álvaro e Dacosta sentenciaron na continuación
Palacín acurtou diferenzas no treito final
O Rácing suma 40 puntos, igualado co 5º posto
O Rácing engánchase á loita por entrar na promoción de ascenso. Derrotou con solvencia o Cacereño, nun partido que se puxo de cara moi axiña.
Porque xa no minuto 2, Escobar remataba á rede, pero o seu tanto quedaba anulado por fóra de xogo na revisión. Non así o de Jairo Noriega. No minuto sete, o seu remate si batía a Quevedo, converténdose no 1 a 0.
O Rácing gozou doutro par de bos achegamentos na primeira metade, pero os balóns á área non atoparon rematador.
Na segunda metade seguiuno intentando o cadro departamental, que gozou de boas ocasións, cun remate cruzado de Escobar, e outro desviado de Álvaro Giménez. O dianteiro si que atinou na seguinte ocasión, un golazo con asistencia co calcaño de Escobar. Era o minuto 59. E 12 despois, Dacosta redondeaba o marcador co 3 a 0, recollendo o rexeitamento dun balón que buscaba a Álvaro.
O Cacereño so conseguiu maquear o resultado final cun gol de Palacín.