O pequeno comercio adáptase á calor e estende o horario de apertura ata a noite
Cada vez máis tendas permanecen pechadas durante as horas centrais e despois abren ata máis tarde
A adaptación do horario comercial á temporada de verán non é de agora. Todos os comercios, sobre todo de téxtil e calzado, adaptan os seus horarios e abren un pouquiño máis tarde polas tardes. Pero estes días de temperaturas extremas, sobre todo nas horas centrais do día, fixeron que sexan moitas máis as tendas que se animan a permanecer pechadas ata ben entrada a tarde e despois estenden o seu horario ata preto das dez da noite.
É o caso de Alicia Rodríguez, propietaria dunha zapatería na zona comercial de Vilagarcía. "É bo para nós e para os clientes", explica.
A presidenta da asociación de comerciantes Zona Aberta, Rocío Louzán, detalla esas adaptacións: "Moitos abren a partir das cinco ou cinco e media e pechan ás nove e media ou mesmo ás dez".
Susana Baúlde é outra das empresarias que se animou a facelo. Na súa lenzaría pódese comprar ata as nove e media da noite. "É o bo que temos no pequeno comercio, a facilidade para adaptarnos ás circunstancias".
Na rúa, hai opinións a favor, pero con matices, sobre todo de quen traballa no sector: "Eu entendo que ás cinco non vas ter ninguén, pero os que traballamos tamén temos dereito a ter vida, e ás nove o que necesitamos é ir coa nosa familia e descansar".
A maior parte destas flexibilizacións horarias danse en pequenos negocios de téxtil e calzado, pero tamén hai grandes cadeas de distribución alimentaria que estenden o horario de peche en zonas de praia.