Pechados o 80 % dos polígonos de bateas pola presenza de toxinas
Están totalmente clausuradas as rías de Pontevedra e Muros-Noia, así como gran parte de Arousa e Vigo
Case o 80 % dos polígonos de bateas de mexillón atópanse pechados á extracción tras os últimos peches decretados polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) na mañá deste martes pola extensión da toxina lipofílica (diarreica).
En concreto, están pechados 41 dos 52 polígonos existentes nas rías galegas.
Intecmar informa este martes de cinco novos peches nas rías de Vigo e Arousa.
Entre outras, atópanse clausuradas ao completo as rías de Pontevedra e Muros-Noia, así como gran parte de Arousa e Vigo.
No tocante ao marisqueo, hai media ducia de zonas que foron pechadas á extracción entre as rías de Pontevedra e Vigo pola presenza de toxinas lipofílicas nos últimos días.