As augas das Rías Baixas rexistraron temperaturas por riba dos 22 graos en xuño
A comunidade científica lembra que un mar máis quente aumenta o risco de fenómenos extremos
As medicións das diferentes plataformas do Observatorio Costeiro de Galicia, é dicir, Intecmar, CETMAR e MeteoGalicia non enganan. A suba da temperaturas no noso mar traerán a curto prazo consecuencias de alcance.
Unha atmosfera e un mar máis quentes e unha maior evaporación da auga eleva o risco das precipitacións torrenciais, das inundacións e das dinas. Nun pilar da ponte de Rande, no dos Duques de Alba, hai un medidor que marcou no mes de xuño 22,5 graos.
Galicia non escapa a esta realidade pero ten un un pequeno escudo, o afloramento mariño, unha renovación dos nutrientes e un arrefriamento das augas das rías grazas ao vento do norte.
Na semana da primeira vaga de calor de xuño, a auga chegou aos 15 graos nas Rías Baixas por este fenómeno. A auga xélida aos 400 metos de profundidade enfría e enriquece a superficie atlántica.
"Nós si que estamos elevando a nosa temperatura pero estamos un pouquiño máis protexidos que outras zonas como o Cantábrico e o Mediterráneo. Si que é certo que a nivel global non se sabe se ese afloramento agora mesmo, porque hai artigos científicos que din que vai a ir a máis e outros que vai a ir a menos, estamos nesa viaxe inexploorada aínda", conta a TVG Pedro Montero, o xefe da Unidade de Modelado Oceanográfico no Intecmar.
O que si está avalado pola ciencia son as medicións. O sistema Copernicus cuantifica a suba media da temperatura da auga dos mares e océanos da terra, en medio grao en trinta anos.
"A consecuencia máis clara é que todos os fenómenos do tipo dos furacáns, os ciclóns, as borrascas que se alimentan das temperaturas da auga do mar, do calor almacenado que se manifesta como un aumento da tempeatura da auga do mar, van ser máis virulentos. Se o mar ten máis enerxía que nos vemos como un aumento de temperatura, ao final eses fenómentos van ser máis virulentos e extremos", matiza Pedro Montero, o xefe da Unidade de Modelado Oceanográfico no Intecmar.
Neste momento, a comunidade científica sabe que o quecemento dos mares está indo máis rápido do que prognosticaba hai vinte e cinco anos.