Oscilacións térmicas de máis de 20 graos no sur de Galicia
As elevadas temperaturas que se agardan para este xoves en boa parte do país contrastan coas mínimas que se rexistran pola noite e a primeiras horas do día
Oscilacións térmicas que se achegan aos 30 graos nalgunhas zonas e que nos obrigan a tomar medidas para evitar problemas de saúde
Cando os termómetros oscilan entre dez e trinta graos, como está a pasar estes días en Ourense cidade e en moitos concellos do interior de Galicia, cómpre ter sempre á man algunha peza de abrigo.
"Lévase estilo cebola. Abrigarse ben pola mañá e logo ir quitando roupa". "Pola mañá vai demasiado frío para ir en pantalóns curtos e pola tarde demasiada calor para ir cos longos". "Saes de aquí, que hai aire acondicionado, e dáche un golpazo", comentan varias persoas.
Oitenta e cinco concellos da metade sur de Galicia están hoxe en aviso amarelo por altas temperaturas. Unhas máximas diurnas que contrastan coas mínimas que se rexistraron a noite pasada. Cinco graos escasos en Calvos de Randín ou 7 en Xinzo de Limia.
Os virus respiratorios son a afección máis común nestas circunstancias.
Cristian Vispo López, supervisor de área de Atención Primaria en Ourense: "Non é que o frío nos produza o catarro, senón que deixa o noso organismo máis vulnerable para que os virus nos ataquen. Os virus respiratorios normais, que están no ambiente, e prodúcenos arrefriados normais ou mesmo a gripe, que xa anda por aí".
Cómpre, polo tanto, protexer o noso organismo contra os cambios bruscos de temperatura.
"Xa sabemos que, ás veces, co frío ou os aires acondicionados, as mucosas resecan e é máis fácil que os virus se desenvolvan no noso organismo. Hai que coidar iso e tamén a alimentación, para o sistema inmunolóxico", aconsella Cristian Bispo.
Tamén nos lembran desde os servizos sanitarios a importancia dunha boa hixiene de mans e o uso da máscara para controlar a propagación dos virus.