Completada a senda da ría do Burgo, que conecta catro concellos coa praia de Santa Cristina
A última fase custou seis millóns de euros e supuxo o remate o proxecto integral de recuperación da ría
Quedan retoques, pero xa anda xente paseando e avaliando os cambios nesta longa senda para viandantes e bicicletas.
O delegado do goberno visitu o último treito, de catro quilómetros, co que queda pechada a senda circular que abrangue catro concellos. O último investimento de 6 millóns, completa o proxecto de rehabiltación integral da ría.
"Está é agora unha ría máis amable, máis sostible e máis limpa. O paseo evidencia a determinación deste Goberno a recuperar os espazos que deben estar pensados para as persoas", declarou Pedro Blanco, o delegado do Goberno en Galicia
"E é o exemplo perfecto de que, como os cidadáns non entenden de fronteiras, as administracións públicas temos a obriga de eliminalas e integrar", engadiu Inés Rey, a alcaldesa da Coruña.
Diana Piñeiro Alcaldesa de Cambre, do PP dixo que "é unha delicia e hai que agradecer a todos os organismos implicados en que esta senda fose posible en tempo e forma". José Ramón Riobóo, o alcalde de Culleredo explicou que Concellos, Goberno central e Demarcación de Costas colaboraron "para facer realidade o que queriamos todos os veciños da área metropolitana".
"Cando poidamos chegar a beiramar será a festa definitiva", anunciou Ángel García Seoane, o alcalde de Oleiros. "Como estamos no concello de Oleiros correspóndenos a nós poñerlle nome. Levará o de Pepe Mújica".
As actuacións realizadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica con fondos europeos buscaron ser respectuosas coas especies animais e vexetais e preparar a zona para os efectos adversos do cambio climático.