O partido entre o Arenteiro e o Valencia, un revulsivo económico para o Carballiño
As entradas para o encontro vendéronse en só 3 horas
Tamén se venden a mancheas as camisetas, as bufandas e as máscaras conmemorativas do evento
O posado informal do Arenteiro desprendía esta mañá emoción e moitos nervios. Normal nuns rapaces que están pouco afeitos ás cámaras e que hoxe reciben o Valencia no seu campo.
No Carballiño pouco vai importar o resultado. Porque o verdadeiro acontecemento xa é ter un partido cun rival tan importante.
O campo tivo que acondicionarse para unha ocasión tan especial. E as entradas para o encontro vendéronse en só tres horas. Tamén se están vendendo ás mancheas as camisetas, máscaras e bufandas conmemorativas do partido. Todo un revulsivo económico para a vila.
O Valencia trae para a ocasión un agasallo moi especial: unha camiseta asinada por todo o equipo. A única peña valencianista que hai en toda Galicia está no Carballiño. Seguro que de hoxe en diante, aumenta o número de socios.