As pedras do Porriño que van ata o centro de Europa, Abu Dhabi e os Estados Unidos
A empresa Granisa produce 300.000 metros de taboleiros de pedra ao ano
Aproveitan para a exportación a súa situación estratéxica, próxima ás canteiras e ás principais vías de comunicación
As pedras que saen do Porriño cara aos Estados Unidos, Abu Dhabi, América Latina ou o centro de Europa son as que se elaboran en Granisa, unha fábrica que comezou a súa actividade produtiva a partir das canteiras de Atios e Mondariz e que hoxe dispón de 150 tipos de pedra procedente de canteiras de todo o mundo.
Cunha produción de 300.000 metros de taboleiros de pedra ao ano, trinta traballadores e unha facturación anual de 6 millóns de euros, as pedras desta fábrica recobren os chans da Sagrada Familia, a fachada da Cidade da Cultura, e templos e obras civís e privadas de trinta países arredor do mundo. Clientes que demandan granitos galegos, doutros lugares da Península e tamén pedras de importación que se transforman aquí.
"O punto de fabricación é o que nos dá vantaxe. A proximidade de todas as pedras que hai arredor: rosa Porriño, gris Mondariz, gris perla, os materiais silvestres e amarelos da zona de Ourense, os materiais brancos da zona de Madrid, os materiais agrisados e azuis de Estremadura. Nós queremos ir a onde ninguén vai. A onde ninguén vai é a onde queremos chegar nós. A dificultade agudiza o enxeño e nós queremos que se nos recoñeza por calidade, servizo e atención", explica Carlos Alonso Nogueira, director comercial de exportación de Granisa.
A súa situación é estratéxica tamén polas comunicacións e os beneficios da zona franca.
"Estamos cerca das canteiras, os maiores xacementos de pedra que hai na nosa rexión, moi cerca dun porto con comunicación aos cinco continentes de forma regular, que está a 23 quilómetros e a algo máis dun quilómetro das principais autovías", di Alonso.
A pesar da competencia dos materiais sintéticos, a construción civil segue demandando pedra natural e tamén a privada, sobre todo a de luxo.