Publicador de contidos

Publicador de contidos

David Chipperfield bota man do talento dunha artista galega para realizar unha encarga de Loewe

David Chipperfield bota man do talento dunha artista galega para realizar unha encarga de Loewe

O arquitecto británico contactou coa ceramista Paula Ojea para construír unha teteira exclusiva

G24.gal 03/05/2025 15:03

Paula Ojea mostra alguns dos prototipos que derivaron na peza de cerámica que David Chipperfield levou á Semana do Deseño de Milán. O arquitecto británico contactou coa ceramista galega para facer realidade a encarga que lle chegara de Loewe: unha teteira exclusiva.

"El tiña unha idea da peza que quería facer pero viu o meu portafolios, a miña forma de traballar, e adaptou o deseño aos meus procesos", explica Paula Ojea.

A teteira exhibiuse xunta ás obras doutros 24 artistas internacionais.

 "Foi moi gratificante ver a peza que fixen para David Chipperfield ao lado de pezas de ceramistas que admiro", afirma a artista galega.

Paula entrou no mundo da cerámica con cinco anos, na escola municipal de Nigrán, de onde é natural. Mentres estudou a súa carreira, Enxeñería de Camiños, e no tempo que exerceu a profesión en Nova York, aparcou a olaría, pero acabou volvendo a ela, primeiro xunto á enxeñería e desde hai dez anos como oficio único.

"É un oficio tan versátil, un material que se pode traballar de formas tan diferentes que me permite aplicar métodos de traballo propios do mundo da enxeñería", asegura a ceramista e enxeñeira.

Pasar de enxeñeira a abrir un obradoiro e facerse autónoma produciulle certa vertixe, pero recoñecementos como o Premio Nacional de Artesanía, que obtivo en 2019, mostráronlle que collera o camiño adecuado.

"Eu mesma o cuestionaba porque é difícil xestionar a parte comercial e empresarial de sacar adiante este tipo de negocio pero cando recibín o Premio Nacional de Artesanía foi como a confirmación de que esa decisión non fora tan tola", confesa Paula.

A ceramista vende as súas creacións en liña, pero tamén ten pezas en tendas e traballa por encarga para particulares, empresas e restaurantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade