Publicador de contidos

Publicador de contidos

O amorodo non ten medo do inverno no concello da Estrada

O amorodo non ten medo do inverno no concello da Estrada

Unha empresa familiar consegue producir o saboroso froito máis alá da primavera

A produción invernal, duns 100 quilos diarios, permite seguir abastecendo de produto locais da Estrada

G24.gal 11/05/2025 15:04 Última actualización 11/05/2025 15:20

A SAT Río Ulla leva corenta anos cultivando amorodo no interior do concello pontevedrés da Estrada. É un proxecto familiar que está a conseguir aproveitar a produción non só durante a temporada da primavera senón que tamén a estenderon ao inverno.

"Gracias á climatoloxía que tivemos estes anos, máis ao telos tapados conseguimos ter produción no inverno. É pouquiña produción, só para o noso mercado propio", comenta Raquel Touceda, da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Río Ulla.

En maio poden chegar a recoller uns 300 quilos de amorodo diarios, e aínda que no inverno quedan nuns 100 quilos por día, poden así seguir vendendo nun posto da praza de abastos da Estada, e noutros puntos de Galicia.

O seu produto compite, ademais, co procedente do sur peninsular non en prezo, pero si en calidade.

"Este amorodo non toca cámara, non racha as cadeas de frío, recóllese o día anterior da venda, e queiras que non, iso nótase no sabor", explica Ramiro Touceda, de SAT Río Ulla (Berres, A Estrada).

A intención da empresa é ampliar a superficie de cultivo pero levan anos denunciando a situación dun arborado lindeiro, que consideran ilegal, e que ao impedir a correcta insolación do amorodo, favorece a proliferación de pragas e fungos que atacan o cultivo. Aínda que denunciaron a situación diante da Consellería de Medio Rural, seguen sen solución. 

"Esta zona é unha zona na que si se dá ben a produción de amorodo, pero temos o inconveniente de que a Consellería de Medio Rural fai a vista gorda cunha plantación ilegal que nos está a prexudicar, que se non se soluciona isto, ao mellor cuestionaremos se pechar a explotación", comenta Ramiro Touceda.

Malia as complicacións, dende esta iniciativa familiar seguen traballando para que mesmo no inverno se poida desfrutar dunha froita exquisita, sostible e de proximidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade