O Parlamento Europeo valida como cargador único o USB-C a partir do outono de 2024
O cargador USB-C será único e obrigatorio para teléfonos móbiles, tabletas, libros electrónicos, cámaras dixitais, videoconsolas e auriculares
Os ordenadores portátiles non quedan vinculados a esta nova norma ata o ano 2028, de momento

O Parlamento Europeo validou este martes que o cargador USB-C sexa o modelo único na UE para todos os dispositivos electrónicos a partir do outono de 2024. Con este acordo ponse punto e final a unha batalla política que xa duraba máis dunha década. O obxectivo é reducir o lixo electrónico que xera a falta de harmonización.
Os eurodeputados aprobaron maioritariamente este acordo, que se pechara no mes de xuño, por 602 a favor, 13 en contra e 8 abstencións. O cargador USB-C será único e obrigatorio para teléfonos móbiles, tabletas, libros electrónicos, cámaras dixitais, videoconsolas e auriculares.
Co actual sistema, no que conviven varios modelos contribúe a xerar ata 11.000 toneladas ao ano de residuos electrónicos, segundo as estimacións da Comisión Europea.
A nova normativa vai permitir aos cidadáns comprar novos dispositivos sen ter que comprar un cargador a maiores, polo que calcula que se aforrarán uns 250 millóns de euros anuais, e iguala a velocidade de carga dos dispositivos que permiten carga rápida.
Os ordenadores portátiles non quedan vinculados a esta nova norma, en principio, pero si terán que cumprila como moito tres anos e medio despois da entrada en vigor desta nova normativa, aló polo 2028.