O Parlamento de Galicia aproba os orzamentos de 2023
Votaron a favor dos orzamentos os deputados do PPdeG e votaron en contra tanto socialistas como nacionalistas
As contas de 2023 ascenden a 12.620 millóns de euros e son "as máis altas da historia de Galicia"

Os primeiros orzamentos de Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia, que ascenden a 12.620 millóns de euros, foron aprobados este martes de forma definitiva pero unicamente apoiados polo PPdeG, partido maioritario na cámara, como xa aconteceu os anos en que Alberto Núñez Feijóo presidiu o executivo autonómico.
A pesar de que se tratan “dos orzamentos máis altos da historia de Galicia”, as contas foron aprobadas só co voto dos populares pois, os grupos da oposición -BNG e PSdeG- cren que as liñas orzamentarias están “mal orientadas” e non servirán para axudar os galegos nun contexto de crise como o actual.
A tramitación parlamentaria que marcou a axenda do pazo do Hórreo no último trimestre do ano serviu para que o proxecto inicial sumase á súa redacción final 12 emendas ao articulado, nove delas do PPdeG e tres do PSdeG -dúas íntegras e outra transaccionada- pero ningunha do BNG.
As contas foron aprobadas con 41 votos a favor e 33 votos en contra nunha sesión que estivo presidida pola vicepresidenta segunda da Cámara, Elena Candia, posto que o titular do Lexislativo, Miguel Santalices, xustificou a súa ausencia por enfermidade.
Aprobada a lei para reducir a temporalidade no emprego público
Aprobouse outra lei hoxe mesmo no Parlamento de gran importancia para moitos traballadores públicos eventuais.A Xunta impulsou unha norma para reducir a temporalidade no emprego público. Vaise facer a través de concurso oposición ou de méritos, e beneficiará a máis de 10.300 persoas durante o próximo ano.
A lei traslada un decreto aprobado polo Goberno o ano pasado. Na cámara galega saiu adiante cos votos do Partido Popular e do PSOE. O BNG abstívose.