A Xunta activará un selo para impulsar o uso do galego no ámbito socioeconómico
López Campos pide non “autoflaxelarse” porque o galego é a lingua cooficial máis falada fronte ás críticas da oposición
A Xunta avanza un plan de modernización das infraestruturas culturais

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou a creación dun selo para impulsar o uso do galego no ámbito socioeconómico. Así o avanzou este martes no Parlamento de Galicia, onde compareceu a petición propia no Pleno para informar sobre a folla de roteiro do seu departamento para os próximos meses.
O responsable autonómico explicou que as empresas comprometidas co galego terán "vantaxes" na concesión de axudas e nos procedementos do Executivo autonómico. O selo terase en conta nas convocatorias e, ademais, servirá como criterio de desempate. Esta medida, apuntou, súmase ás xa postas en marcha como os cursos para estranxeiros ou para o persoal sanitario.
O conselleiro de Cultura pediu “non autoflaxelarse” coa situación do idioma galego porque aínda que son necesarias “medidas claras” para mellorar o seu uso, a realidade é que a lingua propia de Galicia é a lingua cooficial “máis falada” en todo o estado.
O conselleiro insistiu en que, aínda que o seu departamento non está “satisfeito” co uso do idioma na comunidade, considera que é importante que “non nos autoflaxelemos” coa situación, dado que é mellor que a do resto de linguas cooficiais.
Nunha comparecencia repleta de alusións ao BNG, López Campos lembrou que “un dos graves problemas de Cataluña é que a mocidade e as novas xeracións non teñen contacto co catalán porque practicamente existe un abandono”, mentres o galego é “a lingua máis falada no territorio nacional e de Europa”. “Esta é a realidade e non o digo eu, non o di o malísimo PP, senón que o di o novo presidente da Real Academia Galega”, sostivo López Campos.
Durante a súa intervención, o conselleiro foi especialmente duro coa postura do BNG, que non participa no proceso para a renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega porque, ao seu xuízo, prefiren estar na “constante confrontación” sen que exista “ningunha vontade” de chegar a acordos.
Denunciou que a actitude do BNG unicamente busca mostrar unha “falsa expectativa de acordo” que non é real porque durante o proceso “impoñen condicións imposibles de asumir por ningunha das formacións que están do outro lado”. O “único obxectivo” da Xunta é “buscar un futuro máis prometedor para a nosa lingua” pero seguindo un camiño que foi o elixido polos cidadáns nas urnas, que optaron por “un modelo de respecto e convivencia entre as dúas linguas de Galicia”.
Desde o BNG, a deputada Mercedes Queixas lamentou que a intervención de López Campos demostrou que “o único relato do conselleiro é atacar” o principal partido da oposición, pero sen ningunha medida para mellorar a situación do idioma.
A nacionalista acusou o conselleiro de incumprir “a súa palabra” no seu primeiro ano no Goberno xa que, ao seu parecer, continúa a política de “non ao galego” practicada polos seus predecesores no cargo que apostaron pola “substitución do galego en favor do castelán”.
Fronte a iso, desde o Bloque esixen á Xunta responsabilidade e un “cambio de rumbo” en política de lingüística porque, segundo Queixas, é inaceptable que desde a Xunta pretendan acusar aos migrantes “da baixada dos niveis de uso e coñecemento do galego” ou descualificar “a esa sociedade que se mobiliza” a favor do idioma.
Por parte do PSdeG, a parlamentaria Silvia Longueira pediu “sensatez” para abordar a cuestión do idioma desde unha perspectiva “seria”, xa que a situación do idioma debería ser “unha cuestión de Estado”. “Volvamos falar, pero en serio”, insistiu a socialista, que considera que é necesario un grande acordo que permita “tirar para adiante” sen “dar voltas á perdiz”.
O galego “ten un problema” que “crearon vostedes” e que precisa de medidas concretas porque “o galego necesita un impulso” e non “vinte mil horas de viaxe submarina para non chegar a un acordo”.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou este martes a posta en marcha do Plan de modernización das infraestruturas culturais en todo o territorio galego, cando “o sector cultura de Galicia atravesa o seu mellor momento”, dixo.
Este plan deseñarase coa colaboración das administracións locais e iniciarase cunha auditoría para coñecer o estado actual das instalacións. Así o sinalou o conselleiro durante a súa intervención no Parlamento para abordar as liñas xerais do seu departamento e indicou que o sector cultural está “a atravesar o mellor momento da súa historia”, aínda que lamenta que a partidos como ao BNG esta cuestión “os cabree que realmente exista un sector robusto”.
Neste contexto, sinalou que se continuará apoiando aos profesionais da cultura para seguir avanzando na construción “dun sector sólido e de calidade" que siga sendo “un referente a nivel nacional”.
O conselleiro tamén fixo un repaso polas numerosas iniciativas que se celebrarán arredor do Ano Castelao e para celebrar as Letras Galegas dedicado ás cantareiras.
No campo do audiovisual, a Xunta consolidará a imaxe de Galicia como estudio de rodaxes nun momento no que os profesionais galegos “seguen cultivando éxitos, e así esperamos que ocorra tamén no Festival de Cannes que comeza a próxima semana e na que as dúas películas de España seleccionadas contaron con financiamento autonómico”, sinalou.
Indicou que neste 2025 o importe convocado en axudas ao sector audiovisual chegará a unha cifra próxima aos 7 millóns de euros co obxectivo de “garantir que o futuro do noso sector será tan brillante como o seu presente”.
Neste campo, fixo un chamamento ao Goberno central para que garanta unha “repartición xusta do fondo para o fomento da produción e difusión das linguas cooficiais” co obxectivo de fomentar o cinema en galego e evitar discriminacións fronte a outras linguas.
Así mesmo, López Campos avanzou que no marco das industrias culturais ampliarase o apoio a outros sectores artísticos como o dos videoxogos.
Doutra banda, unha das principais liñas de traballo no ámbito do coidado e posta en valor do patrimonio cultural será a candidatura da Ribeira Sacra, que será avaliada polo Comité Mundial da Unesco en 2026, lembrou o titular de Cultura. A candidatura da Ribeira Sacra, a única que presenta España, xa está na fase final ao estar a ser avaliada polos consultores.
De forma paralela, este verán poñerase en marcha un novo plan de actuacións arqueolóxicas no que se investirán case 1,5 millóns de euros e co que levarán a cabo 70 intervencións en xacementos arqueolóxicos de Galicia.