Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontón: "A min o que me preocupa é que poidamos estar ante casos de 'lawfare' e que agora están afectando o PSOE"

Pontón: "A min o que me preocupa é que poidamos estar ante casos de 'lawfare' e que agora están afectando o PSOE"

Sobre Ence nas Pontes, Pontón afirmou que hai que ver a declaración de impacto ambiental e cales poden ser as consecuencias

A voceira nacionalista destacou que van seguir traballando pola gratuidade e a transferencia da AP-9

Ana Pontón foi entrevistada no informativo 'Bos días'
G24.gal 12/06/2025 09:50

75 deputados conforman o Parlamento de Galicia nesta actual lexislatura, a número XII, saída das eleccións autonómicas do 18 de febreiro de 2024. No informativo Bos días da Televisión de Galicia seguen recibindo os deputados representantes das catro forzas políticas que enchen os escanos do Pazo do Hórreo. Este xoves estivo a portavoz da segunda forza con máis escanos, 25, o partido líder da oposición, o BNG. Ana Pontón é a súa voceira nacional.

O debate político na sesión de control do Parlamento galego deste mércores xirou arredor do exconselleiro do Mar, Alfonso Villares. Pontón afirmou que é unha situación moi grave porque ten un proceso xudicial que afrontar, un ámbito que lle corresponde á xustiza. En canto ao ámbito político, Pontón cre que o que hai que avaliar é como foi a xestión de todo ese proceso.

"Como muller paréceme un auténtico escándalo que o señor Rueda soubera dende o mes de febreiro que o señor Villares estaba denunciado por algo tan grave como unha agresión sexual e o que único que fixera fora encubrilo durante todos estes meses e permitirlle seguir neste cargo", destacou Pontón.

Sobre a xestión que se viu durante estes días, a voceira do BNG manifestou que lle parece un auténtico bochorno e denunciou a situación que se viviu o pasado venres onde o exconselleiro foi despedido entre abrazos e aplausos polo seu Goberno. Na súa opinión, cre que é gravísimo que o Goberno do PP, que ten que amparar e protexer as vítimas que denuncian violencia machista, se puxera do lado do agresor.

Política industrial

Sobre a política industrial, o proxecto de Altri en Palas de Rei e o de Ence nas Pontes teñen a declaración do impacto ambiental favorable. Pontón afirmou que o problema que ten Galicia é que hai un Goberno que non ten política industrial e que en 17 anos perdéronse 31.000 empregos industriais. 

"Temos un PP que é incapaz de atraer empresas de vangarda, innovadoras e respectuosas co medio ambiente, e o único que nos están ofrecendo é unha macrocelusosa de Altri", afirmou Pontón.

A voceira do BNG manifestou que queren instalar en Galicia as empresas que non queren en Portugal e que Rueda quere converter o monte nunha polvoreira e nun grande eucaliptal.

Con respecto á fábrica de biofibras que Ence proxecta nas Pontes, Pontón afirmou que están a analizar ese proxecto e ver ben que di esa declaración de impacto ambiental, cales poden ser as consecuencias desde o punto de vista do modelo forestal como desde o punto de vista da xestión dos recursos hídricos. 

Minería

En canto á minería, a voceira nacional do BNG aposta por proxectos sustentables que pechen o ciclo produtivo en Galicia. Oponse a que a riqueza mineira se poña ao servizo de grandes empresas que se limitan a extraer os recursos producindo un grande impacto ambiental.

"Un exemplo paradigmático é o da mina de Doade. Queren extraer o noso litio para despois producir baterías en Zaragoza, onde van crear catro mil postos de traballo e facer investimentos multimillonarios".

Pontón dixo que o proxecto da mina de Doade xa foi desbotado porque había un informe elaborado pola Confederación Hidrográfica que alertaba sobre o impacto que podería ter sobre o río Miño.

Independencia de Galicia

O pasado mes de maio a UPG pedía a independencia de Galicia para salvala da "ofensiva imperialista". Pontón dixo que se hai algo que os define é defender dende todo e ante todo Galicia.

"O horizonte onde estamos traballando é como mellorar a vida da xente aquí", matizou Pontón.

Vivenda 

A voceira nacional do BNG afirma que o acceso á vivenda é a principal preocupación dos galegos. Engade que é resultado "da política do Goberno do PP que desmantelou a vivenda pública".

Ana Pontón sinalou que en 2024 a Xunta deixou de executar 127 millóns de euros dos orzamentos mentres milleiros de persoas están desesperadas porque non poden acceder a unha vivenda.

Forza do BNG

Sobre se se ve con forza para seguir liderando o partido e presentarse ás próximas eleccións, Pontón afirmou que se ve con forza e que puxeron o BNG na mellor situación da súa historia co seu máximo apoio social.

"Somos a alternativa real fronte a un Goberno do PP que está preso da axenda de Génova, que hipoteca o futuro de Galicia polos seus intereses partidistas e que está demostrando que non ten ningún proxecto de futuro para o noso país", afirmou a voceira do BNG.

Investidura de Pedro Sánchez

O BNG apoiou a investidura de Pedro Sánchez con varios puntos na axenda deses acordos, como a dos descontos na AP-9. Pontón destacou a utilidade que ten o BNG porque cun só deputado no Congreso conseguiron máis que o que conseguiron o resto dos deputados. 

"Os descontos da AP-9 e da AG-53 significan un alivio importante para as nosas familias e empresas. Se hai peaxes na AP-9 é por culpa do PP, porque foi Aznar quen ampliou 25 anos esa concesión", subliñou Pontón.

A voceira nacionalista destacou que van seguir traballando pola súa gratuidade e a súa transferencia.

Casos de corrupción

Sobre o ton en que xira a política española dixo que non se sente nada reflectida na forma de facer política que neste momento está instalada no Estado. Cre que se está a elevar o ton da crispación, insulto, descualificación, o que está a afastar os cidadáns da política. En canto aos casos de corrupción, Pontón afirmou que leva presente no Estado español dende as últimas décadas. 

"Dende o BNG temos unha posición moi clara: se hai calquera indicio de corrupción, que se investigue e que se vaia ata o fondo", matizou Pontón.

Cre que a dereita está utilizando todas as ferramentas para intentar interferir nas decisións democráticas que toman os cidadáns.

"A min o que me preocupa é que poidamos estar ante casos de 'lawfare' como xa vimos que se teñen producido e que agora están afectando o Partido Socialista. Non se poden estar utilizando os recursos da xustiza para fins políticos porque iso é perverter o Estado de dereito", afirmou a voceira do BNG.

Xenocidio en Gaza

Antes de rematar coa entrevista, Ana Pontón referiuse ao que está a acontecer en Gaza. Fixo un chamamento para que non se mire cara a outro lado e que se denuncie a situación que se está a vivir en Palestina. Instou a que os gobernos, a Unión Europea e a comunidade internacional pare a limpeza étnica que se vive en Palestina.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade