Bota a andar a tempada de vodas: cada celebración custa uns 20.000 euros
O maior investimento destínase ao convite, o prezo medio do menú rolda os 200 euros
Os estudos apuntan que casar en tempada baixa pode reducir a factura nun 20 %
No Pazo de Cea, en Nigrán ultiman os detalles para recibir aos 150 convidados que participarán na celebración dunha voda. Detrás de cada detalle está a sinatura dos noivos e a axuda de Ana Iglesias, organizadora de vodas en Montana eventos.
"A tendencia é a personalizar cada voda. Agora as parellas buscan que a súa voda sexa única", sinala.
Facelo persoal tamén supón gastar cartos. Din que nunha voda non hai límite, pero a media en Galicia está en algo máis de 20.000 euros.
"Podes buscar un banquete máis económico, un dj, un espectáculo ou un grupo en directo... iso fai que varíen as cifras. En Galicia unha boa localización con plan B para chuvia é moi importante", destaca Iglesias.
Ao banquete hai que lle sumar os traxes. O gasto medio no vestido rolda entre os 1.000 e os 4.000 euros. Tamén se destinan uns mil euros ás flores, tan fundamentais como a reportaxe fotográfica.
Sam Ponsford, fotógrafo de vodas, recoñece que hai tantas opcións como noivos.
"Hai presupostos dende 1.500 ou menos ata 20.000 ou 30.000 dependendo de onde sexa, do fotógrafo, do presuposto da propia voda".
Tamén visitan os pazos de Nigrán Elena e Álvaro. Son de Barcelona, pero queren casar en Galicia. Eles recoñecen que presuposto foi unha das primeiras cuestións que abordaron. Cren que "marcar un máximo" é importante á hora de organizar.
A maioría das celebracións comezan a planificarse cun ano e medio de antelación.