Rueda defende o traballo da Xunta en favor dos maiores fronte a Pontón, que o acusa de non respectalos
Rueda defende o traballo da Xunta en favor dos maiores fronte a Pontón, que o acusa de non respectalos
Ana Pontón sinala que as políticas da Xunta se limitan á "propaganda", mentres que o presidente da Xunta pídelle que "se quere ser útil", lle reclame ao Goberno central a débeda sobre dependencia que ten con Galicia
José Ramón Gómez Besteiro pregunta polas políticas de fomento do emprego e acusa de ser "un presidente ausente" a Rueda, quen lle contesta que os datos nese ámbito son bos, "pero poden ser aínda mellores"
O Parlamento Galego rexeita a proposta do BNG contra o rearme

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este mércores a xestión do seu Goberno en materia de emprego e de políticas de dependencia fronte á oposición que o acusou de "estar ausente", no caso de José Ramón Gómez Besteiro, e de só facer "propaganda" e "non respectar" os maiores, no caso de Ana Pontón.
"Aos maiores respectáselles cando se lles respectan os seus dereitos"
Na súa intervención na sesión de control ao presidente da Xunta, a voceira do BNG preguntou polas políticas de dependencia. Pontón comezou sinalando que tras a posta en marcha a final do ano pasado dun plan para reducir as agardas na valoración, esa espera aumentou.
"É consciente do que supón para unha persoa maior e as súas familias?", preguntáballe a Alfonso Rueda, "sabe cantas persoas morreron agardando?".
Pontón acusou o goberno do PP de manter un sistema privatizado que "en 16 anos non foi capaz de construír unha soa praza de residencias públicas". "Queremos un país en que a xente teña dereito a unha vellez digna", aseguraba a voceira do BNG, quen apostaba pola creación dun "Sergas dos servizos sociais".
Pontón asegurou na súa intervención de que os plans da Xunta son "propaganda e un fracaso", e díxolle a Alfonso Rueda que viña "sacar peito dos seus anuncios que son un déjà vu". "As persoas maiores respéctanse cando se respectan os seus dereitos", concluíu.
"Os maiores son unha parte fundamental de Galicia, imos seguir ocupándonos deles, sen demagoxia"
Na súa resposta, Alfonso Rueda defendeu a xestión da Xunta e pediulle a Pontón "que se informe de como funciona o sistema", e contrapuxo os seus datos como o feito de que haxa "o triplo de prazas en residencias".
"Nós recoñecemos que había un problema", dixo Rueda, quen asegurou que desde que se puxo en marcha o plan de choque resolvéronse 32.000 expedientes, "3.000 no mes abril".
Pediulle á voceira do BNG que "se quere ser útil" lle reclame ao Goberno central a débeda en materia de dependencia con Galicia e interpelouna sobre que van facer os alcaldes do BNG cando se decidan en que concellos se constrúen as residencias anunciadas no pasado debate de política xeral.
"Nós imos seguir aumentando as prazas en residencias, nos centros de día, na axuda no fogar, loitando contra o idadismo, a soidade non desexada", concluíu Rueda: "Os maiores son unha parte fundamental de Galicia, e imos seguir ocupándonos deles, sen demagoxia".
"Perdemos oportunidades de ser máis fortes"
Na súa interpelación sobre políticas do fomento do emprego, o voceiro do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou o presidente da Xunta de estar "ausente, sen atender os intereses dos galegos e das galegas", e nesa dirección tamén lle reprochou a súa ausencia no Cecopi na noite do apagamento, en contraposición coa presenza alí do delegado do Goberno, Pedro Blanco.
"Perdemos oportunidades de ser máis fortes", díxolle Besteiro, quen acusou a Rueda de ter como preocupación en materia enerxética "reivindicar os dereitos das empresas".
"A realidade é que estamos peor do que poderiamos estar", insistiu o voceiro socialista, quen dixo que "hai que ter planificación" e "Galicia perdeu o 6 % do volume de traballo, son 100.000 postos de traballo", cos gobernos populares. "E é pola súa ausencia, eu non son o presidente da Xunta, o presidente da Xunta é vostede".
"Non somos de presumir, somos de facer"
Rueda iniciou a súa resposta acusando a Besteiro de "vir cos recados da Moncloa" e pediulle que "non me busque polémicas co delegado do Goberno, colaboramos".
O presidente da Xunta sacou peito cos datos de emprego fronte á pregunta do socialista. "Os datos son bos, estamos satisfeitos? Non. Estamos conformes? Non. Queremos que sexan mellores. Non somos de presumir, somos de facer".
Rueda volveu ofrecer aos grupos da oposición alcanzar un pacto pola industria, centrado no emprego e a enerxía. "Un pacto polo emprego e a enerxía, porque os postos de traballo saen das industrias potentes e non de debaixo das pedras", dixo o máximo mandatario autonómico, que subliñou que a oferta para chegar a este pacto que el mesmo lanzou no seu discurso de investidura en maio de 2024 "segue vixente".
"Galicia inviste en formación, en emprego, os salarios medran, apoiamos os autónomos, as pemes", concluía Rueda, quen convidaba a Besteiro a unirse "poden facelo ou non, aí os esperamos".