Galicia ultima os cambios nas oficinas xudiciais para mellorar o servizo público
A Xunta de Galicia reclama fondos do Goberno central para afrontar o custo da adpatación á Lei de Xustiza
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou este mércores da aprobación da reforma das oficinas xudiciais de Galicia no marco da implantación da Lei de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza.
O Diario Oficial de Galicia recolle as resolucións polas que se aproba o deseño e estrutura organizativo, así como as relacións de postos de traballo dos rexistros civís, das oficinas de xustiza e das oficinas de xustiza nos municipios.
Durante a súa visita a Oroso, Diego Calvo destacou a importancia das novas oficinas de xustiza do municipio, xa que con elas os actuais xulgados de paz evolucionan para facilitar unha maior proximidade á cidadanía e permiten dispoñer de servizos en todo o territorio, especialmente no rural para evitar o despoboamento.
O conselleiro explicou que estas oficinas son as que rexistran máis novidades coa reforma, xa que, ademais de manter os actuais servizos, ampliará o catálogo de xestións nos concellos con menos poboación e cunha atención máis próxima.
Desta forma, co obxectivo de evitar que as persoas residentes nestes municipios teñan que desprazarse para realizar xestións presenciais, contarán cos medios tecnolóxicos necesarios para intervir a distancia nos actos procesuais.
Estas 268 oficinas en Galicia teñen como prioridade prestar un servizo á Administración de Xustiza e amplían tamén a súa actividade ao resto das administracións públicas.
En canto á resolución publicada este mércores, Diego Calvo destacou que busca un "deseño flexible" e adecuar a súa dimensión e organización conforme as esixencias da nova lei de maneira gradual e progresiva.
Novas oficinas antes do 1 de xullo
Nunha primeira fase establécese a constitución das novas oficinas de 38 partidos xudiciais para antes de 1 de xullo , mentres que para as oficinas xudiciais situadas nas sete cidades galegas a fase de implantación finaliza o 31 de decembro, completando así a reforma nos 45 partidos xudiciais existentes.
En canto aos postos de traballo, nas resolucións publicadas apróbanse os correspondentes ás oficinas xerais dos rexistros civís e ás oficinas de xustiza da primeira fase de implantación, así como ás oficinas de xustiza nos municipios pertencentes aos 38 partidos xudiciais que se transforman.
Unha vez publicadas estas resolucións, acordarán cos sindicatos a reorganización dos funcionarios nos postos de traballo das oficinas xudiciais e oficinas de xustiza do municipio.
Diego Calvo reclama axuda económica por parte do Goberno central para un proceso terá que estar rematado a finais deste ano e que supón un esforzo económico, dixo, moi importante.