A Xunta reforza a colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico
Asina un novo convenio que contempla 34.000 euros para actuacións de sensibilización, prevención ou traballo cos drogodependentes
A fundación advirte de que "hai máis droga, hai máis violencia e hai menos recursos"

A Xunta vai achegar este ano 34.000 euros para a loita contra o narcotráfico. Así se recolle no convenio de colaboración que asinaron o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro.
Os cartos irán destinados a apoiar o traballo dos axentes xudiciais e das forzas e corpos de seguridade. Tamén a financiar campañas de prevención do consumo de drogas e traballos con drogodependentes.
Couceiro, advertiu en declaracións a Europa Press de que "hai máis droga, hai máis violencia e hai menos recursos".
O obxectivo deste convenio é continuar a colaboración que comezou en 2015 para implantar fórmulas que "optimicen a xestión dos bens comisados" ao narcotráfico e delitos conexos, así como financiar liñas de traballo que a fundación desenvolve na súa loita contra o tráfico de drogas.
Serve tamén para continuar impulsando campañas de sensibilización fronte ao narcotráfico, especialmente en zonas onde o consumo de drogas presenta maior índice de incidencia, así como formar redes de apoio e acompañamento a persoas drogodependentes e aos seus familiares.