Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a catro anos por matar un home cun cinceiro na Noitevella en Oleiros

Condenado a catro anos por matar un home cun cinceiro na Noitevella en Oleiros

O xuíz considera probado que o acusado actuou con imprudencia grave e sen estar sendo agredido

Deberá indemnizar a familia da vítima con 259.000 euros e pagar os gastos sanitarios

G24.gal 05/05/2025 17:45

O Xulgado do Penal número 4 da Coruña condenou a catro anos de prisión un home acusado de provocar a morte doutro tras golpealo cun cinceiro metálico.

Os feitos ocorreron nun hotel de Oleiros durante a madrugada do 1 de xaneiro de 2020, na celebración de Fin de Ano.

A sentenza considera o acusado autor dun delito de homicidio por imprudencia grave en concurso cun delito de lesións con instrumento perigoso. A xuíza tamén lle impón unha multa de 1.080 euros por ferir o pai do falecido, e aplica a atenuante de embriaguez.

En concepto de responsabilidade civil, o condenado deberá pagar 259.000 euros aos familiares do falecido. Tamén terá que aboar 6.000 euros á persoa lesionada e 3.300 euros polas secuelas, ademais de 796 euros ao Sergas polos gastos sanitarios.

Segundo a sentenza, os feitos tiveron lugar sobre as 05.50 horas do 1 de xaneiro. Tras unha disputa nunha zona próxima á barra, o acusado propinou unha pisada e tirou ao chan un home. O seu fillo interveu e, tras un enfrontamento no exterior do local, o acusado golpeouno na cara cun cinceiro metálico, causando unha hemorraxia que lle provocou a morte.

A xuíza destaca que a vítima consumira unha alta cantidade de alcol e cocaína esa noite, o que favoreceu o desenlace, pero considera que o impacto directo coa peza metálica foi determinante: “A vítima non falecería de non recibir ese golpe”.

Resalta, ademais, que o acusado non estaba sendo agredido no momento do golpe e que a súa conduta supuxo “unha omisión da dilixencia totalmente intolerable”.

A utilización dun cinceiro de grandes dimensións como arma xustifica a aplicación do tipo agravado recollido no artigo 148.1 do Código Penal. A xuíza subliña que este método incrementou a gravidade do resultado, provocando unha morte directamente vinculada co impacto.

A sentenza non é firme e pode recorrerse ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade