A Fiscalía reduce a un único sospeitoso a acusación polo apuñalamento de Yoel Quispe
O Ministerio Fiscal pide 14 anos de cárcere para este investigado, quen se cre foi o autor co acoitelamento e que permanece en prisión
A familia da vítima, que exerce a acusación particular, censura a Fiscalía e acusará tres persoas

A Fiscalía reduciu a un único acusado o seu escrito polo crime que acabou coa vida de Yoel Quispe na Noiteboa de 2023 na Coruña e pide 14 anos de prisión por un suposto delito de homicidio.
A familia da vítima, que tiña 22 anos cando sufriu un apuñalamento mortal, mantivo durante toda a fase de instrución que o número de investigados debía subir de tres a cinco, mentres o xulgado mantivo un home en prisión provisional e outros dous en liberdade con medidas cautelares.
Agora a Fiscalía entregou o seu escrito de cualificación, previo ao auto de apertura de xuízo oral, e limitouno a un acusado, que supostamente foi o autor do apuñalamento.
No documento, remitido aos medios, explica que os feitos ocorreron ás 6:30 horas do 24 de decembro de 2023, cando houbo dúas liortas consecutivas nas que estaba implicada a vítima.
Na primeira, o acusado tiña actitude conciliadora, pero posteriormente modificouna a agresiva na segunda, na que se apoderou da navalla dun dos seus amigos.
Con esta, sempre segundo o escrito, en primeiro lugar provocou feridas á vítima na clavícula e na cabeza, antes de asestarlle unha puñalada mortal no corazón, que provocou a morte case inmediata de Yoel Quispe.
A Fiscalía sostén que o fixo "coa intención de provocarlle a morte", polo que sostén que o ocorrido foi un homicidio.
Por este delito solicita 14 anos de prisión e outros cinco de liberdade vixiada, ademais de indemnizacións para a familia do falecido por máis de 284.000 euros.
Ademais do escrito de cualificación da Fiscalía, no marco do procedemento pola Lei do Tribunal do Xurado, presentarán as súas cualificacións tanto a familia de Yoel Quispe, que se presenta como acusación particular, e as defensas dos investigados.
A lei establece a convocatoria dunha audiencia preliminar en que se comunican estas conclusións ás persoas investigadas e, tras isto, dítase autor de apertura de xuízo oral contra unha ou máis persoas, segundo determine o xulgado, ou de sobresemento se é o caso.
Familia de Yoel censura á Fiscalía e acusará a 3 persoas
A familia de Yoel Quispe censurou este venres o criterio da Fiscalía, e avanzou a EFE que acusará aos tres investigados, xunto con outras dúas que están nun procedemento separado.
O avogado da familia, Adrián Borrajo, explicou que non comparte a conclusión da Fiscalía e na contorna de Yoel Quispe están "profundamente decepcionados" con que a acusación se limite a unha persoa.
"Na familia están moi desgustados. Nós imos acusar aos tres investigados. Ao primeiro por asasinato, ao segundo como cooperador necesario por facilitarlle a navalla e ao último como encubridor, porque foi quen se desfixo da arma ao lanzala a un contedor. Para todos pediremos penas máximas", detalla.
Non entende "como pode haber un criterio tan dispar dentro da Fiscalía provincial da Coruña", que "noutros crimes tamén relevantes, tivo unha actuación totalmente diferente", como no caso do asasinato de Samuel Luiz, cando a Fiscalía mantivo que era un asasinato, e non un homicidio, e acusou as sete persoas que a Policía situaba no grupo da agresión.
"Pedir 14 anos para só unha persoa é unha cualificación moi barata para un crime como este e manda unha mensaxe terrible á sociedade", conclúe.