Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Parlamento Galego rexeita a proposta do BNG contra o rearmamento

O Parlamento Galego rexeita a proposta do BNG contra o rearmamento

Os socialistas acusan os nacionalistas de querer reescribir a historia 

O Partido Popular tacha o BNG de presentar unha iniciativa "random"

O debate tivo o seu punto álxido á conta da guerra en Gaza
G24.gal 07/05/2025 14:21

O BNG quería un pronunciamento do Parlamento Galego para condenar o imperalismo dos Estados Unidos, a actuación de Israel en Gaza, pedir a saída de España da OTAN e rexeitar o aumento do gasto militar que pide a Unión Europea. Nun debate tenso, a proposta só recolleu os 25 votos dos nacionalistas. O Partido Popular e PSOE votaron en contra.

Os socialistas estaban dispostos a apoiar algúns puntos, pero non a iniciativa no seu conxunto. Segundo a voceira do PSOE, a proposta do BNG "é unha narrativa de ficción, non podemos terxiversar máis a realidade. Ao nacionalismo, ás veces, "tamén lles gusta reescribir a historia", espetoulle a deputada socialista, Paloma Castro. 

Máis belixerante foi o Partido Popular. A deputada, Paula Prado acusou aos nacionalistas de ser o "trumpismo á galega" e de presentar iniciativas "moi locas" e "moi random".  Intervencións que non gustaron aos de Ana Pontón e que a deputada Montse Prado lle afeou no estrado. Prado acusou a PP e PSOE de rir da iniciativa e lembroulles "que os nenos palestinos que están morrendo de fame non son danos colaterais, mírenos e sigan ríndose". Por alusións, a deputada socialista pediu a palabra. Paloma Castro tachou de "desprezable" a actitude da voceira nacionalista e lembroulle que "non rin nin das fotos nin dos asasinatos dos nenos palestinos". Quixo responder Montse Prado, pero o presidente do Parlamento deu por rematado o debate con esta recomendación. "Non discutan entre vostedes, mídanse", concluíu Miguel Santalices. 

Esta proposta garda unha relación directa co último posicionamento sobre política internacional da UPG, o partido hexemónico e maioritario do BNG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade