Publicador de contidos

Publicador de contidos

Néstor Rego, deputado do BNG: "A soberanía é o horizonte estratéxico"

Néstor Rego, deputado do BNG: "A soberanía é o horizonte estratéxico"

Reclama explicacións polo paagamento masivo e pide que o sector enerxético volva estar baixo control público

Insta o executivo a que manteña a súa negativa e lle denegue o resto de axudas públicas a Altri

G24.gal 04/05/2025 09:30 Última actualización 04/05/2025 09:39

O deputado no Congreso, Néstor Rego, reivindica o BNG como a única forza política galega que pon enriba da mesa propostas que fortalezan o autogoberno, para que Galicia teña capacidade plena de decisión de acordo aos seus intereses.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Rego dixo que a soberanía é o "horizonte estratéxico" para o Bloque.

"Cando outros deciden por nós, sexa en Madrid, a 600 quilómetros; ou en Bruxelas, a 1.800 quilómetros, moitas veces deciden en contra de nós, dos nosos intereses como pobo. Polo tanto, ese ten que ser sempre un obxectivo. Ademais, o BNG é unha forza que creo que actúa sempre con realismo e o que fai é colocar enriba da mesa propostas que permitan avanzar no autogoberno, fortalecer o autogoberno. E eu creo que ese é un elemento diferencial".

Néstor Rego defende que Galicia debe asumir todas as competencias recollidas no Estatuto de Autonomía e bótalle en cara a populares e socialistas non teren interese en asumilas.

"Dáse o paradoxo de que o BNG, que non é autonomista, é a forza política con representación no Parlamento de Galicia que máis fincapé fai en que Galiza debe asumir todas as competencias que están previstas no Estatuto de Autonomía ou que foron reclamadas polo Parlamento. Lamentablemente, nin o Partido Popular nin o Partido Socialista teñen interese en asumir esas competencias (...). Hai algunhas que son chave como a de Tráfico, a seguranza viaria e a seguranza pública, por exemplo, coa despregadura da Policía galega, Salvamento Marítimo... Hai moitas que o Goberno galego debería reclamar e lamentablemente non o fai".         

Apagamento masivo

Á espera de que Pedro Sánchez compareza no Congreso, esta próxima semana, Néstor Rego reclámalle ao Goberno explicacións completas sobre as causas da apagada xeral e que se depuren responsabilidades, de ser necesario.

O deputado da UPG apunta, ademais, que sectores como o enerxético —que son chave para o funcionamento dun país— teñen que estar baixo control público.

"O PP e o PSOE coincidiron nun proceso de privatización das empresas públicas de enerxía, da rede pública, que hoxe é maioritariamente privada, e parece que as grandes empresas privadas teñen a capacidade de actuar como consideren, sen dar explicacións. Non é a primeira vez que vemos isto, esta seguramente é a máis grave, e por iso agardamos que, en consecuencia, haxa decisións para un control público nun sector fundamental". 

Altri e os proxectos mineiros de Touro e Doade

Néstor Rego explicou que o mércores se debaterá na Comisión de Industria do Congreso unha proposición non de lei do BNG para reclamarlle ao Goberno que non lle dea axudas públicas a Altri porque non se axusta aos criterios de fomentar industrias sustentables ou de economía circular.

"De feito, se se lle negou o Perte de descarbonización é porque non cumpría moitos dos requisitos. Todo o mundo ten claro que Altri non vai favorecer o desenvolvemento social e económico do país, senón todo o contrario, poñerá en risco sectores que están moi asentados na economía galega como o agrogandeiro, na comarca da Ulloa; o marisqueiro e pesqueiro, na ría de Arousa; e mesmo o turismo sustentable arredor do Camiño de Santiago".

O deputado na cámara baixa tamén expresou a preocupación do BNG pola reactivación de xacementos mineiros como a mina de cobre de Touro ou a de litio de Doade, en Beariz. Na súa opinión, ningún dos dous proxectos é aceptable tal e como están deseñados.

"Non estamos falando de proxectos mineiros que vaian reverter no país, falamos de proxectos de espolio do país, de minaría extractiva realizada por empresas multinacionais que van levar os beneficios empresariais e os impostos para fóra, porque moitas delas pagarán o imposto de sociedades en Madrid, e aquí o único que van deixar van ser os efectos negativos da contaminación".

Redución da xornada laboral

A 48 horas de que o Consello de Ministros aprobe a rebaixa da xornada laboral a 37,5 horas semanais, o deputado do Bloque está convencido de que o Goberno conseguirá a maioría necesaria no Congreso para sacar adiante a proposta.

Para Néstor Rego, de feito, a medida queda curta se miramos a países como Francia ou Alemaña, con xornadas semanais de 35 horas.

"Dende a perspectiva do BNG sería conveniente unha proposta máis ambiciosa, cunha redución que fose a 35 horas, coa perspectiva mesmo, nun horizonte temporal razoable, de chega ás 32 horas semanais e a semanas de 4 días. Ese debe ser o obxectivo para mellorar as condicións laborais da poboación sen reducir a produtividade".

Gasto militar

Na entrevista da Radio Galega, o deputado do Bloque na cámara baixa rexeitou o incremento do gasto militar, aprobado polo Goberno para cumprir as esixencias dos Estados Unidos a todos os países membros da OTAN. Segundo Rego, iso supón avanzar nunha escalada belicista, sen dar maior seguridade.

"Inevitablemente implicará retraer recursos de políticas sociais (...) que poderían ser destinados a educación, sanidade, atención á dependencia, creación de emprego, vivenda pública... Se temos que escoller entre bombas e hospitais, non temos ningunha dúbida (...). Os esforzos hai que facelos no diálogo e na negociación".

Ademais, Rego congratulouse de que a presión social e política obrigasen ao Goberno a rectificar e rescindir o contrato cunha empresa israelí para a compra de munición.

Explicou tamén que o BNG lles está reclamando aos concellos de Vigo, A Coruña e Ourense, que mercaron material policial a Israel, que cesen toda actividade comercial coas empresas hebreas porque, segundo di, están manchadas coa sangue de cativos palestinos.

Situación do galego

O deputado do Bloque no Congreso reclama políticas públicas que revaloricen o noso idioma e incentiven o seu uso. Propón, por exemplo, que o galego sexa a lingua vehicular no ensino.

"O ensino é un campo privilexiado para a defensa do galego (...), facendo que o galego sexa a lingua normal, vehicular, de uso, das materias que se imparten no ensino no noso país. Non hai dúbidas de que isto tería un aspecto positivo para o galego e ningún negativo para o castelán, que ten tal presenza ambiental, que todo o mundo o coñece".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade