Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel intensifica a ofensiva e ataca a sede da Garda Revolucionaria en Teherán

Israel intensifica a ofensiva e ataca a sede da Garda Revolucionaria en Teherán

O ministro de Defensa israelí, Israel Katz, asegura que o Exército estaba a atacar "obxectivos do réxime e corpos de represión gobernamentais" en Teherán cunha "forza sen precedentes"

Os dous novos ataques con mísiles de Irán a Israel que fixeron soar na mañá deste luns as alarmas en varias áreas do centro e norte do país remataron sen feridos, segundo informou o servizo de emerxencias israelí, antes de que as sirenas volvesen activar no norte de Israel

Exército iraniano: “Señor Trump, ti empezaches esta guerra, pero acabarémola nós”

directo
G24.gal 23/06/2025 11:30 Última actualización 23/06/2025 15:48

O Exército israelí está a atacar a sede da Garda Revolucionaria iraniana en Teherán, dixo este luns o principal portavoz militar de Israel, Effie Defrin. "Nestes momentos os avións da Forza Aérea están a profundar os danos na área de Teherán, con énfase no cuartel xeral da Garda Revolucionaria", dixo o portavoz nunha conferencia de prensa telemática.

Pouco antes, o ministro de Defensa israelí, Israel Katz, dixo nun comunicado que o Exército estaba a atacar "obxectivos do réxime e corpos de represión gobernamentais" en Teherán cunha "forza sen precedentes". EFE en Teherán puido escoitar fortes explosións preto do barrio onde se atopa a televisión estatal.

As bombas israelís impactaron o recinto nuclear de Fordó, a Universidade Shahid Beheshti, vinculada co programa nuclear iraniano, a prisión de Evin, que acolle os presos políticos, entre outros lugares. Tamén foron atacados, polo menos seis aeroportos e varias aeronaves iranianas.

A portavoz do Goberno iraniano, Fatemeh Mohajerani, informou de que “se produciron danos no edificio da Media Lúa Vermella”, aínda que non confirmou o alcance dos mesmos nin se se produciron vítimas.

Pola súa banda, o Exercito israelí confirmou que as súas forzas atacaron seis aeroportos e varias aeronaves en diferentes puntos de Irán.

"Como parte do esforzo por ampliar a súa superioridade aérea sobre o ceo iraniano, as FDI (Forzas de Defensa de Israel) atacaron seis aeroportos do réxime iraniano no oeste, leste e centro de Irán. Os ataques tiveron como obxectivo pistas de aterraxe, hangares subterráneos, un avión de reabastecemento e avións F-14, F-5 e AH-1 do réxime iraniano", asegurou o Exército.

Tehran Times reportou que se produciron impactos contra a prisión de Evin e a Universidade Shahid Beheshti, sancionada pola Unión Europea e Estados Unidos polos seus lazos co programa nuclear iraniano. Tamén se produciu un novo ataque contra a praza Vanak, que provocou unha enorme nube de fume, segundo mostraron medios iranianos.

As autoridades iranianas non informaron aínda de vítimas mortais nestes ataques, que si provocaron o corte da electricidade nalgunhas zonas do norte da capital. Segundo medios iranianos, tamén se produciron ataques contra a cidade de Karaj e Fardis.

Mentres, dous novos ataques con mísiles de Irán contra Israel que fixeron soar as alarmas antiaéreas en varias áreas do centro e norte do país remataron esta mañá sen feridos, informou o servizo de emerxencias israelí Magen David Adom (MDA).

Ademais, uns 8.000 fogares perderon a subministración eléctrica durante aproximadamente unha hora tras o impacto dun mísil iraniano no sur do país, segundo confirmou nunha videomensaxe o ministro de Enerxía israelí, Eli Cohen, quen dixo que Israel se preparase para "posibles danos á infraestrutura eléctrica". Cohen dixo que os equipos de emerxencias estaban xa sobre o terreo e, pouco despois, o seu portavoz confirmou a EFE que a subministración eléctrica xa fora restablecido.

Israel comezou a bombardear Irán na madrugada do 13 de xuño pasado ante os avances no programa nuclear da república islámica e a ameaza que considera que supón para o país a súa manufactura de mísiles balísticos.

Desde entón, a aviación israelí atacou infraestruturas militares (sistemas de defensa aérea, almacéns de mísiles balísticos...) e plantas nucleares como as de Fordó, Natanz e Isfahán, pero tamén matou a altos cargos da Garda Revolucionaria iraniana ou a científicos nucleares.

En Irán os ataques causaron xa máis de 400 mortos, segundo o último reconto das autoridades iranianas, dos que a maioría eran civís e polo menos 54 eran mulleres ou menores de idade.

En Israel, os ataques con mísiles en represalia de Irán mataron a 24 persoas ata o de agora, todos civís, segundo as autoridades israelís.

Ademais, os Estados Unidos entraron na guerra cunha serie de bombardeos contra as tres principais instalacións nucleares do país (Natanz, Isfahán e Fordo) durante a madrugada do domingo, co obxectivo oficial de evitar que Teherán logre fabricar unha bomba atómica.

A república islámica dixo ante a ONU que as forzas armadas do país serán as que decidan "o momento, a natureza e a escala da resposta proporcional de Irán" ao bombardeo estadounidense, que anticiparon terá "consecuencias duradeiras".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade