José Luis Ábalos nega no Supremo que participase nunha trama corrupta e Koldo García acóllese ao dereito a non declarar
José Luis Ábalos nega no Supremo que participase nunha trama corrupta e Koldo García acóllese ao dereito a non declarar
O Alto Tribunal rexeitou a solicitude do exasesor de Ábalos, quen poucas horas antes de ter que declarar solicitou aprazar a súa comparecencia
As acusacións populares pediron o ingreso en prisión do exministro, mentres a Fiscalía Anticorrupción cre que é suficiente con manter as medidas cautelares xa impostas

O exministro de Transportes José Luis Ábalos delcarou este luns ao Tribunal Supremo, onde estaba citado a declarar como investigado tras o rexistro na súa casa de Valencia e o informe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil que o sitúa nunha presunta trama de cobranza de comisións a cambio de adxudicacións de obra pública xunto á súa exasesor Koldo García e o ex secretario de Organización do PSOE Santos Cerdán.
Ábalos chegou ás 9:26 horas acompañado do seu avogado á rúa de Marqués de la Ensenada, onde o esperaban decenas de medios de comunicación, que lle preguntaron se declararía ante o maxistrado Leopoldo Puente. O exministro optou por non facer declaracións á prensa á súa chegada e mantívose en silencio ante os berros dunha decena de persoas que lle esperaban na rúa ao berro de "corrupto" e "puteiro".
A declaración de José Luis Ábalos estendeuse durante aproximadamente hora e media, onde asegurou que non se recoñece nas gravacións realizadas por Koldo que aparacen no informe realizado pola UCO, ao tempo que se desvinculou de calquera amaño de concurso público. Asegurou que non recibiu ningún tipo de suborno e que non participou en adxudicacións irregulares de obras.
Agora o exministro está á espera de saber se o xuíz amplía as medidas cautelares que xa lle impuxera no seu momento.
As acusacións populares, que dirixe o PP, pediron o seu ingreso en prisión provisional tras as últimas revelacións no caso, mentres que a Fiscalía Anticorrupción, cre que é suficiente con manter as medidas de prohibición de saír de España, retirada do pasaporte e comparecencias cada quince días nos xulgados.
Ás 12:00 estaba previsto que comparecese o exasesor de Ábalos, Koldo García, xa que aínda que este pedira ao maxistrado suspender declaración, alegando que non tivo acceso a todo o investigado, a solicitude foi denegada.
Porén Koldo García acolleuse ao seu dereito a non declarar, tras ese intento de atrasar cando menos un mes a súa comparecencia. A súa nova letrada argumentaba que se trataba dun aprazamento necesario, "non facilitándose ata a data copia íntegra das actuacións, o que impide exercer con plenitude o dereito a unha defensa efectiva".
Porén, o xuíz Leopoldo Puente, desestimou a petición e advertiu de que podería adoptar na súa contra medias cautelares no caso de non se presentar.
Así as cousas, Koldo García presentouse no Tribunal Supremo contra as 11:30, en medio dunha grande expectación e tamén entre berros de "corrupto" e "senvergoña".
O denominado informe Cerdán provocou un sismo na causa que estalara en febreiro de 2024 polas supostas mordidas a cambio da adxudicación de contratos para a compra de material sanitario en plena pandemia.