O paciente español con hantavirus segue estable e mellorando
O home de 70 anos permanece na Unidade de Illamento e Tratamento de Alto Nivel (Uatan) desde o pasado luns, cando deu positivo
Os outros 13 pasaxeiros illados no Gómez Ulla, entres eles un galego, seguen sen síntomas, pero deberán manterse en corentena
Exteriores do Hospital Gómez Ulla de Madrid. EFE/Rodrigo Jiménez
O único paciente español con hantavirus ingresado no hospital Gómez Ulla, en Madrid, segue estable e mellorando, mentres os seus 13 compañeiros do buque Hondius illados no mesmo centro proseguen asintomáticos, informaron este sábado fontes do Ministerio de Sanidade.
O home de 70 anos permanece na Unidade de Illamento e Tratamento de Alto Nivel (Uatan) desde o pasado luns, cando deu positivo, e alí seguirá ata a súa recuperación clínica, segundo marca o protocolo de manexo do brote de hantavirus aprobado pola Comisión de Saúde Pública.
Mentres tanto, os outros 13 pasaxeiros illados no Gómez Ulla, en cuartos individuais seguen sen síntomas, pero deberán manterse aínda en corentena.
O illamento poderá prologarse ata un máximo de 42 días desde o seu inicio, é dicir, ata o 21 de xuño; os primeiros 28, será hospitalaria, pero despois abrirase a porta a que poida ser domiciliaria, sempre e cando se dean as condicións.
Os 13 , entre eles o galego Ricardo Hevia, serán sometidos a unha nova PCR previsiblemente o vindeiro luns; se volve ser negativa, de acordo co protocolo, poderán recibir visitas co traxe de protección EPI adecuado e, se as condicións do centro sanitario o permiten, saír do cuarto por zonas comúns na mesma planta, con máscara FFP2 en todo momento, hixiene de mans con xel hidroalcohólico e supervisados polo persoal.
Pola contra, se sae algunha positiva, independentemente de se aparecen síntomas, pasa a ser caso confirmado.
Na mesma situación están as dúas mulleres de Barcelona e Alacante que compartiron voo de Johannesburgo a Países Baixos coa neerlandesa falecida e que, como o resto de contactos, tamén están asintomáticas.