Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Ourense C. F. cae goleado en Tarazona (4-0) e despídese da loita polo ascenso

O Ourense C. F. cae goleado en Tarazona (4-0) e despídese da loita polo ascenso

A expulsión de Carmona por dobre cartón resultou determinante, aínda que o resultado era xa de 2-0

O equipo local acabou festexando a salvación, igualado a 50 puntos cos galegos

Foto: @SDTarazona
G24.gal 10/05/2025 21:02

O Ourense C. F. despediuse da loita por entrar nos postos de promoción de ascenso logo de perder por 4-0 en Tarazona, aínda que remata a temporada co obxectivo da permanencia acadado con varias xornadas de antelación, e logo dunha gran reacción tras a chegada de Pablo López ao banco.

O partido comezou igualado, e sen ocasións destacables na primeira media hora. O cadro local buscaba chegar a esa cifra dos 50 puntos que xa tiñan os galegos, e agardou as súas opcións. E abriu o marcador preto do descanso, cun gol de Camus cun remate axustado desde a frontal.

Puido empatar Jairo antes do descanso cun remate que sacou con apuros Fuoli. Pero quen si marcou foi o cadro aragonés á volta de pausa. Foi á saída dun córner, logo dun barullo na área no que Marqueta non tivo a súa seguridade habitual. Escapoulle o balón e aproveitouno Trilles para facer o segundo.

E, co 2-0 no marcador, e pouca sensación de perigo, Carmona vía o segundo cartón amarelo por unha entrada nun balón dividido no centro do campo, o que deixaba sen opcións aos galegos.

Nos últimos minutos, e á busca dun gol que os metera no partido, os de Pablo López recibiron un castigo excesivo. Areso marcaba o terceiro culminando unha contra no 88. E, na última acción do partido, Rivas atopaba o 4º desde a esquerda, nun remate cun mal bote que sorprendeu a Marqueta.

O Tarazona festexou a permanencia, algo que fixo hai unha semana o Ourense C. F. ao acadar eses 50 puntos e contra o líder, logo dunha gran temporada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade