Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Odón de Buen, feito e botado en Vigo, será o maior buque oceanográfico da frota do CSIC

O Odón de Buen, feito e botado en Vigo, será o maior buque oceanográfico da frota do CSIC

Foi botado en Vigo, no Atlántico, pero non se vai entregar ao CSIC ata o 2024 en Cádiz

Será a gran xoia de toda a frota do CSIC e mellorará as investigacións oceanográficas con cincuenta días de autonomía

Leva a bordo un submarino autónomo que pode descender ata os seis mil metros de profundidade

G24.gal 05/07/2023 20:46 Última actualización 05/07/2023 21:01

O que será o maior buque oceanográfico da frota do CSIC e que foi construído integramente en Galicia foi botado este mércores desde o estaleiro Armón. Chámase Odón de Buen en homenaxe ao creador do Instituto Oceanográfico Español. 

Odón de Buen, de oitenta e cinco metros de eslora e mil setecentas toneladas de peso, navegará os mares para o Consello Superior de  Investigacións Científicas o vindeiro verán cando sexa entregado en Cádiz.

Leva en construción desde o ano 2021 en Vigo, no estaleiro Armón e no ano que queda ata o 2024 rematarán tamén en Galicia todo o equipamento interior, como os laboratorios científicos, transcendentes para a calidade das misións oceanográficas.

"É unha tarxeta de presentación en todo o mundo. En todos os foros internacionais de oceanografía cando se fala de oceanografía fálase de Vigo, en particular de nós, de Armón. O certo é que o CSIC apostou por nós, e tamén o Instituto Español de Oceanografía", conta orgulloso durante a botadura Santiago Martín, o director de Armón en Vigo.

A nave é colosal, con macrocifras, mire un a onde mire. Pero sobre todo pasará a ser o maior oceanográfico da frota con prestacións por riba das do Hespérides ou do buque Sarmiento de Gamboa

"É un buque moito máis importante en termos científicos dos que tiñamos ata este momento. Imos poder investigar os océanos de maneira moi importante. Ten por exemplo unha autonomía de cincuenta días e isto é moi importante á hora de facer investigación", puntualiza Eloísa del Pino, a presidenta do CSIC, que está en Vigo con motivo da botadura do buque.  

"E o que nos permite é explorar áreas que ata o de agora era moi difícil porque tecnoloxicamente os barcos que tiñamos non podían chegar. Este barco pode chegar a facer exploracións de máis de ata seis mil metros de profundidade, ten equipamentos moi sofisticados que van permitir mapear o fondo mariño", engade Pablo Carrera, o director do Centro Oceanográfico de Vigo e investigador do CSIC.

Odón de Buen, o científico aragonés que se namorou do mar desde unha fragata construída en Esteiro, foi o fundador do Instituto Español de Oceanografía en 1914. Con este buque volverá vivir sucando os mares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade