O Obradoiro estraga unha ocasión inmellorable para gañar no Palau (92-90)
Gañaba por trece (63-76) a seis minutos do final pero o partido foi á prórroga
Joel Parra anotou a canastra da vitoria a tres décimas do final
Poucas ocasións mellores ca esta vai ter o Obradoiro para gañar no Palau. Completou un gran partido, pero o treito final do último cuarto condenouno e na prórroga non soubo recoller o triunfo.
O Barcelona quería resolver pola vía rápida e, liderado por Willy Hernangómez, comezou con moita forza (14-8). O Obradoiro aguantou ese primeiro envite e deulle a volta ao partido (20-25). Kovliar, Álvaro Muñoz e Howard vían con facilidade o aro e ao descanso a vantaxe era galega por 34-39.
Esa marxe mantívose no terceiro cuarto, co Barcelona asexando pero cun Obradoiro que sempre mantivo o marcador ao seu favor. Un parcial de 0-9 na parte final dese cuarto permitiulle unha diferenza notable para afrontar o último período (58-67).
O último cuarto mantivo a boa xeira obradoirista, que ía trece arriba a seis minutos do remate (63-76). O Barcelona espertou e, cun parcial de 16-0, colleu o mando do partido. O encontro quedou pendente dos tiros libres pero ningún dos dous equipos resolveu e encamiñouse a unha prórroga (81-81).
No tempo suplementario o equilibrio foi máximo. O Obradoiro tivo unha posesión para poñerse en vantaxe pero perdeu a bóla a seis segundos do final. O Barcelona tivo a sorte do seu lado e cunha canastra de Joel Parra a tres décimas do remate conseguiu un triunfo moi sufrido.