O Obradoiro busca o triunfo noutra final pola salvación
Xogan hoxe ás 18:00 na cancha do Burgos
O Breogán xoga mañá co Real Madrid
Non puido contra o Fuenlabrada, onde tivo o último tiro. Tampouco en Zaragoza, onde cedeu partido e diferenza de puntos particular nun mal último cuarto. Se non quere converter estes días nunha semana de pasión, o Obradoiro debera rabuñar un triunfo na pista do Burgos, o terceiro dos rivais directos pola permanencia. Os de Paco Olmos veñen de tomar aire no campionato, cun convincente triunfo diante do Joventut, celebrado con euforia nun recinto que esixirá o mellor dos de Moncho Fernández. Os dous equipos teñen nove vitorias, unha máis que o Andorra e mailo Betis, que miden esta tarde as súas forzas noutro duelo dramático.
O Breogán xogará mañá ao mediodía, pero pouco se falou do partido fronte ao Real Madrid. As preocupacións celestes nas últimas horas estiveron a carón do estado de saúde de Dzanan Musa. Operado dunha rotura de traquea. O bosníaco colgou en redes unha imaxe co seu perenne sorriso, para transmitir boas novas. Sen o seu concurso de xeito indefinido, os lucenses buscarán o máis difícil aínda. Mellorar a súa idílica situación diante dun Real Madrid convulso, que afronta esta xornada lonxe do seu mellor momento. Os de Laso, con tempestade interna, acumulan tres derrotas seguidas en liga.